O Fuciño do Porco reabrirá o sábado ao rematar as “obras de emerxencia”
O Fuciño do Porco reabrirá o sábado ao rematar as “obras de emerxencia”
Estiveron reparando os danos provocados polos temporais na senda peonil que dá acceso a esta paraxe natural
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, confirmou que as “obras de emerxencia” realizadas no Fuciño do Porco, no municipio do Vicedo, “para reparar as desfeitas provocadas polos temporais” na senda peonil que dá acceso a esta impresionante paraxe natural “están a piques de finalizar”.
De feito, confirmou que “este sábado xa se poderá visitar un dos principais atractivos da nosa provincia e das rías altas de Galicia”, o que sen dúbida “é unha boa noticia” para toda a comarca. O delegado lembrou que “os 50.0000 visitantes que o ano pasado visitaron este enclave” dan conta do seu “potencial” como atractivo turístico.
As obras foron executadas “pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”. O orzamento destes traballos de emerxencia foi de algo máis de 36.000 euros e a actuación foi financiada con fondos europeos.
A empresa Tragsa foi a encargada da realización destes traballos, que permitiron actuar sobre un quilómetro e medio da senda que dá acceso a esta punta de terra que se mete no mar.
As obras centráronse en mellorar a evacuación de augas, para evitar a deterioración estrutural dos cantís que lle dan a este espazo o seu particular aspecto. Ademais, foron instalados paneis informativos para guiar aos visitantes.
A Punta Socastro é coñecida popularmente como O Fuciño do Porco, polo parecido que desde o mar ten co morro dun porco.
O carreiro parte da praia de Abrela, pasa polas de Porto do Val e Alegrín, así como pola antiga cetaria de Medas do Castro, construída nesta contorna rochosa para a cría de marisco, para chegar finalmente á Punta Socastro, que é un miradoiro natural sobre a ría de Viveiro.
Desde esta atalaia pódense contemplar as illas Gabeira, A Insua e Coelleira; as puntas do faro Roncadoiro e Estaca de Bares e divisar, ao fondo da ría, Covas, Viveiro e o porto de Celeiro.