Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ortigas, mimosas e augas medicinais contra os efectos daniños do sol

Ortigas, mimosas e augas medicinais contra os efectos daniños do sol

Premiada unha investigación do campus de Ourense sobre as súas propiedades antioxidantes 

G24.gal 11/03/2023 14:53 Última actualización 11/03/2023 18:07

Galicia é unha potencia termal dentro da xeografía peninsular e para aproveitar o seu valor noutros eidos acaba de ser galardoada unha investigación pola súa proposta dunha crema solar a partir da combinación de extractos de ortiga e mimosas, coas propiedades das augas medicinais galegas.

"Tanto as flores de mimosa coma as de ortiga permitirían obter extractos con propiedades antioxidantes que poden ser integrados en emulsións formuladas con augas termais, de xeito que combinariamos nun produto as propiedades beneficiosas que nos poden achegar", comenta Lucía López Hortas, doutora en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, e premiada pola súa investigación.

O traballo desenvolveuse dentro do grupo de investigación EQ-2 do departamento de Enxeñería Química do campus de Ourense.  Aposta polo uso de extractos de plantas naturais da contorna e foxe do uso de ingredientes sintéticos e non sostibles que incorporan moitas cremas de protección solar comerciais.

"Son de orixe natural e non sintética, xa que os antioxidantes sintéticos teñen propiedades daniñas para a nosa saúde. Isto sería unha alternativa, cuxo estudo aínda hai que fomentar, porque aínda está empezando, pero podería ser unha posibilidade", considera a investigadora premiada.

Nun acto solemne en Santiago de Compostela, o traballo recibía este sábado o premio Internacional Marcial Campos á investigación termal. É un primeiro paso antes de que se poida comercializar este produto solar seguro, sostible co medio e que se nutre do mellor do forestal e o termalismo galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade