Os casos de bronquiolite disparan as urxencias pediátricas e as consultas
Os casos de bronquiolite disparan as urxencias pediátricas e as consultas
O pico de contaxios da doenza aínda non chegou
O grupo menor de catro anos é o máis afectado
A vaga de bronquiolite infantil asociada ao virus sincitial tensiona as urxencias pediátricas dende hai semanas. Porén, o pico de contaxios non chegou e os casos aumentan.
"Parece que o pico non se acadou polo que é probable que empeoren as situacións en urxencias, as esperas para as camas de ingreso, a situación en coidados intensivos pero esperamos que o pico do virus respiratorio sincitial chegue pronto e empece a mellorar axiña", di a pediatra Cristina Castro.
Trátase dunha infección pulmonar con acumulación de moco nos bronquíolos, frecuente nos menores pequenos e bebés. A maioría mellora con coidados na casa pero algúns casos requiren hospitalización.
"Dependendo da gravidade da bronquiolite, especialmente a causada polo virus sincitial soen ser ingresos un pouquiño máis prolongados e poden ser máis graves incluso precisar atención nas unidades de coidados intensivo", explica.
A pediatra explica os síntomas que alertan da necesidade de acudir a urxencias.
"Se notamos dificultade respiratoria, é dicir que se noten as costelas do neno ao respirar marcadas, se notamos unha frecuencia respiratoria moi alta ou se a febre dura máis de cinco ou sete días", salienta.
Os virus respiratorios disparan as consultas infantís. Segundo a Sociedade Española de Urxencias pediátricas, atenden un 40 % por cento máis de casos que antes da pandemia.