Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os cidadáns españois, por debaixo da media en comprensión lectora, aritmética e resolución de problemas

Os cidadáns españois, por debaixo da media en comprensión lectora, aritmética e resolución de problemas

Os datos foron recollidos polo informe sobre a avaliación dos adultos, publicado polo Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE)

O estudo realizou probas a 160.000 adultos de 31 países distintos, entre os que se atopa Finlandia, Xapón, Italia ou Noruega

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 10/12/2024 11:13

Os adultos españois están moi por debaixo da media en comprensión de textos, aritmética ou resolución adaptativa de problemas. Ademais, nos once últimos anos as melloras foron moi escasas malia a elevación dos niveis de educación.

Estes resultados foron presentados este martes no informe sobre a avaliación das competencias dos adultos feito pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Globalmente, corroboran que o nivel mantívose estable ou que empeorou desde a primeira vez que se fixo o estudo.

O estudo realizouse entre 2022 e 2023, aínda que estaba previsto para un ano antes. Por mor da pandemia tivo que atrasarse, aínda que a idea inicial era facelo dez anos despois da primeira edición. Nesta ocasión fixéronse probas a arredor de 160.000 adultos de 31 países distintos que xuntos suman máis de 673 millóns de habitantes.

A mostra avaliada foi a franxa de idade entre os 16 e os 65 anos. En comprensión lectora acadaron unha nota final de 247 puntos sobre 500, cando a media da OCDE está en 260. Países como Noruega (281), Suecia (284) ou Finlandia (296) superan notablemente estes datos.

En matemáticas, os adultos españois quedaron en 250 puntos fronte a unha media de 263 na OCDE. Neste caso, o ranking encabézao de novo Finlandia (294), seguido do Xapón (291), Suecia e Noruega (285).

En resolución dinámica de problemas, España chegou aos 241 puntos, dez menos que a media e moi lonxe de países punteiros como Finlandia e Xapón (276), seguidos de novo por Suecia (273) e Noruega (271).

España, no vagón de cola

En termos relativos, esta última era a menos mala das tres situacións. Así e todo, en termos comparativos, España quedou na vixésimo terceira posición. Sitúase detrás de Alemaña (261), Inglaterra (259), Francia (248) ou os Estados Unidos. A lista de 31 países féchana Italia (231), Lituania (230), Polonia (226) e Chile (218).

Desde a primeira edición desta avaliación, os adultos españois melloraron en aritmética, con case dez puntos máis, mentres se mantiveron practicamente sen cambios a nota da comprensión lectora.

Máis dun 30 % dos examinados en España tiñan un nivel de comprensión lectora ou de matemáticas considerado "baixo" pola OCDE. A porcentaxe ascendía en resolución dinámica de problemas, chegando ao 35 % fronte a medias noutros países de entre o 25-29 %.

Isto quere dicir que en España os adultos con competencias insuficientes cuadriplicaban os do Xapón, onde a porcentaxe era só dun 7 %. No outro extremo, os que obtiveron uns resultados sobresalientes eran particularmente pouco numerosos en España, bastante por baixo do 5 % tanto en comprensión lectora como en aritmética. Só países como Italia ou Chile tiñan menos proporción de adultos excelentes.

Empeora a comprensión lectora do estudantado universitario

Os autores do informe fan notar que as competencias non progresaron globalmente en relación coa expansión da educación e que, de feito, as capacidades en comprensión lectora diminuíron en moitos países entre os adultos con estudos universitarios, en particular en Corea do Sur, Lituania ou Eslovaquia.

Esa regresión foi máis pronunciada aínda entre os que teñen baixo nivel de formación e contribuíu a que aumentase a fenda entre os cidadáns que posúen poucos e moitos estudos.

A caída de competencias fíxose notar máis nos homes, de forma que en moitos países as mulleres acadan mellores resultados en comprensión lectora. Con todo, os homes seguen estando por diante en matemáticas, con 10 puntos máis de media, e en resolución adaptativa de problemas, só 2 puntos máis.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade