Os colexios de médicos advirten do "número importante" de vindeiras xubilacións
Os colexios de médicos advirten do "número importante" de vindeiras xubilacións
Contratos estables e poder conciliar, as claves para garantir a remuda xeracional dos médicos
O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos destaca que o Sergas está "a dar pasos no último ano" para intentar reter facultativos con melloras retributivas
Os colexios de médicos avisan do "número importante" de próximas xubilacións, mentres o Sergas e os sindicatos negocian un plan de recursos humanos.
De acordo con datos dos colexios médicos, nas catro provincias galegas vai ser "complicado suplir os médicos que se xubilan", sobre todo en Medicina de Familia e Pediatría, aínda que tamén noutras especialidades.
"Déficit si que hai. En todas as provincias está difícil suplir prazas por vacacións ou por baixas, porque non se atopan médicos no paro. Vai haber uns anos nos que vai ser complicado poder suplir os médicos que se xubilan", di Eduardo Iglesias, presidente do Consello Galego de Colexios Médicos.
O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos destaca que o Sergas está "a dar pasos" no último ano para intentar reter facultativos con melloras retributivas.
Ofrecer contratos estables e garantir a conciliación do traballo coa vida familiar e o lecer son dúas das claves que poderían garantir o recambio xeracional dos médicos en Galicia.
"O que a xente busca son contratos estables a longo prazo. Hai que dar pasos en entender a xente nova. Están perfectamente formados e son traballadores, pero a conciliación ou o seu lecer creo que o valoran máis do que se valoraba en tempos anteriores", engade Eduardo Iglesias.
Para aumentar o número de facultativos, o presidente dos médicos galegos coincide coa Xunta en que a principal solución estaría en ampliar a oferta de prazas MIR e a capacidade formativa dos centros de saúde en lugar de aumentar as prazas das facultades de Medicina.