Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA e Seúl lanzan mísiles cara ao Mar do Xapón en resposta aos tests norcoreanos

Os EUA e Seúl lanzan mísiles cara ao Mar do Xapón en resposta aos tests norcoreanos

Foron oito os mísiles terra-terra lanzados na acción coordinada entre Seúl e Washington

O Goberno de Corea do Norte disparou na véspera oito mísiles balísticos de curto alcance desde o seu territorio nunhas manobras navais

G24.gal 06/06/2022 07:25 Última actualización 06/06/2022 07:50

Os Estados Unidos e Corea do Sur dispararon hoxe luns oito mísiles balísticos cara ao mar do Xapón (chamado mar do Leste en Corea) como resposta aos lanzamentos de mísiles que a véspera realizou o país veciño. Segundo informacións do Estado Maior Conxunto (JCS) recollidas pola axencia Yonhap, forzas militares de ambos os países lanzaron os mísiles terra-terra do Sistema de Mísiles Tácticos do Exercito (ATACMS) nun lapso de 10 minutos durante a madrugada.

"O lanzamento combinado de mísiles terra-terra entre Corea do Sur e os Estados Unidos demostrou a capacidade e a postura para lanzar ataques de precisión inmediatos sobre as orixes de provocacións e as súas forzas de mando e apoio", dixo o JCS nun comunicado.

O exército surcoreano "condena enerxicamente a serie de provocacións con mísiles balísticos do Norte e ínstao seriamente a deter de inmediato os actos que elevan as tensións militares na península e súmanse ás preocupacións de seguridade", engadiu.

Seúl, baixo o goberno do presidente conservador Yoon Suk- yeol desde o pasado 10 de maio, avoga por endurecer a postura fronte ao seu veciño tras unha etapa máis conciliadora co seu predecesor, e dixo que responderán consecuentemente as accións norcoreanas deste tipo.

Esta acción coordinada de Seúl e Washington prodúcese un día despois de que Pionyang disparase un número idéntico de mísiles balísticos de curto alcance desde varias localizacións do seu territorio, nunha aparente mostra de músculo tras unhas manobras navais dos aliados preto da península coreana. Durante aqueles exercicios despregouse un portaavións de propulsión nuclear, algo que non sucedía desde finais de 2017. Corea do Norte realizou no que vai de ano un número récord de 18 lanzamentos de mísiles, o máis recente o da véspera. (Axencia EFE)

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade