Os grandes centros de vacinación ofrecen ata o xoves repescas para os nenos de 9 a 11 anos
Os grandes centros de vacinación ofrecen ata o xoves repescas para os nenos de 9 a 11 anos
Hai 5.000 doses sobrantes da primeira quenda, despois de que acudiran o 90 % dos convocados
Nas ringleiras dos grandes recintos había esta mañá algúns cidadáns algo máis baixiños e decididos, xunto cos seus pais, a participar na solución da pandemia.
"Eles, aínda que a enfermidade non se manifeste, están moito máis xuntos nos colexios, nos comedores, nos parques, nas actividades extraescolares. Vacinándoos protexémolos a eles e protexémonos nós", razoa un dos pais que leva os seus fillos a vacinar.
Son nenos de entre 9 e 11 anos que non puideron vacinarse a semana pasada e que poden optar por autocita ou presentarse directamente.
"Ese tipo de incidencias resolvémolas aquí. Veñen coa cita pasada e vacinámolos. Entre esta tarde e mañá á tarde, tamén", explica a enfermeira Eva Domínguez.
A incidencia nos menores de 11 anos en Galicia achégase hoxe aos 950 casos por 100.000 habitantes, 400 puntos por riba da media. Pero os nenos xa non teñen o récord. Volveron ser superados en contaxios polo grupo de 20-29 anos.
"A vacina protexe, pero coa nova variante hai máis contaxios. Eu notei no meu entorno bastante relax con respecto ás medidas que tomamos no momento previo á vacina". comentan Naomi e Cristina, estudantes de Medicina que foron hoxe ao Gaiás para poñer a 3ª dose.
Galicia está rematando xa coa dose de reforzo no grupo de entre 50-59 e estes días xa están sendo citados os da franxa de 40 a 49, que a poñerán a partir da semana que vén.