Os hostaleiros de Santiago denuncian a escaseza de taxis na cidade
Os hostaleiros de Santiago denuncian a escaseza de taxis na cidade
Din que moitos turistas teñen grandes problemas para desprazarse ao aeroporto
Desde a asociación de Radiotaxi aseguran que se trata dun problema puntual e non ven viable que se concedan máis licenzas
Dez minutos é o tempo medio de espera que recoñecen na asociación de Radiotaxi de Santiago, onde lles piden aos usuarios que programen os seus movementos pola cidade con media hora de antelación. Pero na Asociación de Hostalería din que a mobilidade na cidade non está á altura da oferta hostaleira.
"Os turistas teñen problemas para desprazarse, sobre todo para coller os voos da mañá e os últimos da noite. Temos a suficiente infraestrutura hoteleira para medrar como estamos medrando e dar resposta a estes turistas, pero atopámonos con estes problemas que poden manchar a imaxes de Santiago", explica Thor Rodríguez.
Piden por iso unha reunión urxente co Concello e cos propios taxistas e poñen sobre a mesa a posibilidade de reforzar o servizo de buses. Compostela ten 147 licenzas de taxi.
"Estamos o dobre dos que deberiamos estar por lei e sempre fomos suficientes para sacar o traballo adiante nestes últimos 26 anos", responde o Presidente da Asociación Radiotaxi Compostela.
Cren que absorber a demanda de eventos coma o Son do Camiño é imposible, pero explican que máis licenzas farían inviable a rendibilidade do sector en períodos menos turísticos. Contan con incorporar en agosto entre 10 e 12 condutores que, pensan, poden axudar a mellorar a dispoñibilidade de taxis na capital de Galicia.