Os líderes da UE confían na liquidez dos bancos europeos
Os líderes da UE confían na liquidez dos bancos europeos
Os xefes de Estado e de Goberno dos Vinte e sete avaliaron a situación coa presidenta do BCE
España apoia a creación dun fondo común de garantía dos depósitos
A creba de dous bancos americanos e o rescate doutro suízo ameaza con provocar unha crise financeira no vello continente, e iso a pesar dos constantes chamamentos á calma por parte das autoridades. Christine Lagarde analizou este venres a situación cos xefes de Estado e de Goberno dos Vinte e sete. Faino tras asegurar que o Banco Central Europeo está listo para dar liquidez aos bancos se fose necesario.
Tamén o presidente do Eurogrupo di que están vixiantes.
Segundo Paschal Donohoe, "temos reservas e resiliencia para asegurar a estabilidade do noso sistema bancario neste momento (...) pero non podemos ser compracentes".
Tamén as autoridades españolas monitorizan a situación.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que "o sector bancario europeo é resiliente, con ratios de liquidez e capital moi elevados, sobre todo se o comparamos con outras partes do mundo".
Iso si, España pide avanzar na unión bancaria da zona euro, bloqueada dende hai anos. O principal atranco está na creación dun fondo común de garantía dos depósitos.
Sánchez afirma: "Presentaría maior confianza nos mercados, nos cidadáns e evitaría o risco de fragmentación en Europa". Pero a medida non conta, polo momento, co aval de Alemaña.