Os feridos nun bar de Madrid provocaron a explosión tras ameazar os donos
Os feridos nun bar de Madrid provocaron a explosión tras ameazar os donos
Os veciños da zona relatan que previamente ameazaran o dono con queimar o local
A Policía Nacional detivo os dous mozos que quedaron feridos a madrugada pasada tras unha explosión nun bar do distrito madrileño de Carabanchel, xa que segundo varias testemuñas ameazaran os donos do local con queimalo e logo víronos pola zona encapuchados.
Segundo informaron a EFE fontes da Xefatura Superior de Policía de Madrid, as primeiras pescudas dos axentes levaron ao arresto de ambos: unha moza de 23 anos de orixe colombiana que ten antecedentes policiais e un mozo español de 19 anos.
Varias testemuñas relataron que ambos ameazaran os donos do bar en que se produciu a explosión con queimalo, por motivos que se investigan, e que a pasada madrugada os viron polas proximidades, encapuchados, e manipulando algo xunto á porta do local.
Daquela os veciños oíron unha explosión que deixou a moza ferida no chan, mentres o rapaz fuxía. Os axentes localizárono na súa casa.
Foi contra a unha e media da madrugada cando os servizos de emerxencia atenderon unha muller de 23 anos e un home de 20 que foron feridos de gravidade por queimaduras como consecuencia da explosión causada supostamente por unha fuga de gas nun bar.
Tras seren avisados, bombeiros do Concello de Madrid acudiron ao local, que estaba pechado ao público, e comprobaron que continuaba a fuga de gas, que provocara un incendio posterior. Procederon a controlar a fuga ata a chegada dos técnicos da empresa subministradora do gas, que a cortaron.
Os servizos sanitarios atenderon unha moza de 23 anos que no momento da explosión estaba na rúa xunto á porta do bar e que sufriu queimaduras de segundo e terceiro grao en gran parte do corpo, polo que foi trasladada en estado grave ao hospital de La Paz de Madrid.
Dúas horas máis tarde foi localizado nun domicilio próximo outro mozo, de 19 anos, que estaba ferido igualmente con queimaduras en gran parte do corpo e que foi levado en estado grave ao hospital de Xetafe.
Os bombeiros procederon a sanear o local, que quedou completamente esnaquizado, mentres axentes da Policía Nacional inspeccionaban o lugar para investigar as circunstancias da explosión, que afectou a varios vehículos.