Os partidos vascos pechan a campaña máis aberta da súa historia
Os partidos vascos pechan a campaña máis aberta da súa historia
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo acompañaron os seus candidatos nos últimos actos
Desembarco de líderes estatais para pechar a campaña das eleccións vascas, as máis abertas da historia democrática de Euskadi.
Nunca antes houbera tanta incerteza sobre os resultados. Os indecisos superan o 20 % e, segundo as enquisas, o PNV podería perder por primeira vez as eleccións ante un Bildu en tendencia ascendente.
O actual lehendakari e o presidente do PNV pecharon campaña co seu candidato en Bilbao. A formación jertzale apela á mobilización para evitar o sorpaso de Bildu.
"Estamos na recta final, e isto é cousa de dous, só de dous. Por iso necesito os vosos votos", di Imanol Pradales, candidato do PNV.
Bildu trouxo para o peche de campaña o presidente da Generalitat de Cataluña e o ministro de Finanzas do norte de Irlanda. As enquisas apuntan a unha vitoria histórica para os abertzales.
As palabras do seu candidato negándose a cualificar ETA como unha banda terrorista marcaron a campaña electoral e está por ver como influirán nas urnas.
"O domingo só vale unha papeleta, a de Bildu", di Pello Otxandiano.
Pedro Sánchez arroupou en Bilbao o aspirante socialista a lehendakari. O PSOE aspira, como mínimo, a repetir a actual coalición co PNV.
Eneko Andueza, o candidato a lehendakari, di: "Quen queira garantía de boa xestión, de estabilidade e de que Euskadi non vai caer en derivas independentistas, que nos voten".
"Pido o voto para que a partir do próximo domingo haxa convivencia, progreso e estabilidade", insistiu Pedro Sánchez.
O PP pechou a campaña en Vitoria coa presenza do líder do partido, Alberto Núñez Feijóo.
"Non tiven que xustificarme en ningún momento, porque todo o mundo sabe que as miñas siglas con Bildu non pactan", di Javier de Andrés, candidato a lehendakari.
Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP, asegura: "Aos de Bildu empézanlles a saltar as costuras do disfrace de demócratas. O PNV e o PSOE están desfondados".