Os pediatras recomendan vacinar contra a gripe o grupo de 6 meses a 5 anos
Os pediatras recomendan vacinar contra a gripe o grupo de 6 meses a 5 anos
A poboación infantil é un dos vectores principais de contaxio do virus
Aumentan as consultas pediátricas por gripe e outras infeccións respiratorias
A gripe chegou moito antes ca outros anos, adiantouse xa a finais de setembro. A campaña de vacinación contra o virus comezaba o 10 de outubro e inclúe como novidade o grupo de idade de entre os 6 os 59 meses, case os cinco anos. Os pediatras recomendan a súa vacinación, xa que os nenos son vectores de transmisión.
"Nós a día de hoxe estamos dobrando a incidencia da gripe con respecto a anos pre-pandemia, aínda que pensemos que a gripe é unha enfermidade menor si existen complicacións pola enfermidade e os nenos son os grandes transmisores á poboación de risco como son os anciáns", di Susana Rey, presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia.
Segundo os pediatras, os nenos están a presentar coinfeccións de gripe e outros virus estacionais máis que de gripe e covid. As consultas aumentan nos centros de saúde e nas urxencias pediátricas.
"Con respecto aos anos prepandemia, estamos cun 30 ou 40 % de demandas máis de urxencias e demandas de consultas nos centros de saúde. Neste momento a incidencia é máxima e hai unha sobrecarga asistencial importante", asegura.
Despois de tres semanas da campaña contra a gripe, os índices de vacinación nos máis cativos están no 14 %. Nas vindeiras semanas os pediatras esperan que as cifras se dobren. O obxectivo é, segundo a Sociedade de Pediatría de Galicia, polo menos unha cobertura do 60 %.