Os psicólogos tentan minimizar o impacto nas vítimas emocionais do naufraxio
Os psicólogos tentan minimizar o impacto nas vítimas emocionais do naufraxio
Os profesionais axudan a procesar a perda dos seres queridos con recursos anímicos
Consideran que é necesario facer duelo tamén polos desaparecidos
A orde da vida das persoas máis achegadas ás vítimas mortais e desaparecidos do Villa de Pitanxo quedou trastocada. Experimentou unha mutación radical que require unha atención rápida e profesional. A reacción emocional, envolta en dor, é inevitablemente forte e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes tenta apoiar as familias para asumir a nova fatal e iniciar o duelo:
"O que pode haber son emocións de rabia, de dor, de culpa. Mesmo de culpa, que parece bastante absurdo que aquí entre a culpa; pois ben, ten sitio ás veces en todas partes. As reaccións dunha persoa que está vivindo unha situación tan dura poden ser desbordadas ou inhibidas e os que estamos arredor tamén temos que ter a capacidade de soster iso, de entender que necesita tempo e necesita pasar por ese proceso", sinala Carmen González Hermo, integrante do equipo de intervención psicolóxica.
Este grupo asistiu as vítimas do Alvia, o caso máis difícil que viviron, pero nun naufDefault Template raxio non todas as vítimas mortais aparecen. A ausencia dos corpos deixa un baleiro á hora de protocolizar o duelo:
"Que as familias entendan que se non se atopan hai que facer unha despedida tamén. O corpo ten que entender que xa non está. É fundamental facer presente o ausente, que haxa un ritual que faga presente que esa persoa xa non está", aclara González Hermo.
O apoio psicolóxico e tamén as redes de afecto familiar e social son fundamentais para recolocar as pezas da vida nun caso así. Os profesionais coinciden en que a dor non se pode evitar, pero que un bo afrontamento irá facéndoa asumible en menos tempo.