Os rebeldes comezan a negociar a transición de poder en Siria
Os rebeldes comezan a negociar a transición de poder en Siria
Un membro da facción islamista da coalición dirixirá o Goberno provisional
Israel, Estados Unidos e Turquía bombardean distintos puntos do país
Restos queimados de tanques, edificios destruídos, milicianos xogando con avións de combate e moitas imaxes rachadas dos Asad, pai e fillo. Así remata medio século de ditadura en Siria.
Día e medio despois da caída do réxime, en Damasco predomina a euforia, sobre todo entre os presos políticos liberados... "É un soño do que aínda non espertamos", conta un veciño da capital. Canda el, outro engade: "Hoxe non nos cambiamos por ninguén, levabamos 50 anos esperando este día".
Na capital siria, reabriron as panaderías e os centros de distribución de gas. Os bancos fano este martes, e un dos líderes rebeldes, o islamista Mohamed Al Julani, xa está negociando coas antigas autoriades a transferencia de poder. Xa designaron o gobernador de Idlib, a cidade da que partiu a última ofensiva, para liderar o Goberno de transicion.
Pero a calma aínda non chegou a todos os puntos do país. Un bombardeo turco matou once persoas dunha mesma familia no norte de Siria. Turquía non quere que os rebeldes kurdos se fagan fortes aproveitando o baleiro de poder.
O mesmo pretenden os Estados Unidos cos integristas do ISIS, obxectivo de 75 bombardeos nas últimas horas. No sur, os bombardeos son israelís. Atacan depósitos de armas químicas para impedir que caian en mans dos extremistas.
Ademais, ocuparon a zona desmilitarizada da fronteira, "unha ocupación limitada e temporal", di o ministro de Exteriores hebreo, mentres non se aclaren as intencións dos novos gobernantes.
Na fronteira do Líbano, os refuxiados que volven ao país crúzanse cos que foxen del: por aquí saíron 26 españois evacuados este luns pola embaixada.
Do derrocado Bachar el Asad, só se sabe que está asilado en Rusia, a gran perdedora neste cambio de equilibrios e que agora ve como a bandeira rebelde ondea na embaixada siria en Moscova.