Os supostos asasinos de Samuel Luiz, máis preto de responderen ante un xurado
Os supostos asasinos de Samuel Luiz, máis preto de responderen ante un xurado
A Policía investiga unhas mensaxes borradas que lograron recuperar nos Estados Unidos
Este domingo cúmprese un ano do crime ocorrido no paseo marítimo da Coruña
Os supostos asasinos de Samuel Luiz están cada vez máis preto de sentar no banco dos acusados tras os últimos avances do caso, que supoñen un paso crucial na fase de instrución previa á apertura do xuízo oral.
Este domingo cúmprese un ano do crime, ocorrido nas inmediacións dunha discoteca do paseo marítimo da Coruña. O mozo morreu a consecuencia dunha brutal malleira. Na súa memoria, convocaron unha vixilia ás seis e media da tarde xunto ao Praia Club.
Tres homes, maiores de idade, atópanse en prisión provisional á espera de xuízo. Xunto a eles sentarán no banco dos acusados outra moza e outro mozo que están en libertade. A Fiscalía aínda non formulou a súa acusación, que podería ser de homicidio ou asasinato.
Samuel Luiz tiña 24 anos na noite do 2 ao 3 de xullo de 2021 cando un grupo o atacou tras unha noite de festa nun local xunto á praia de Riazor. Así o explicou a Policía Nacional logo dunha ardua investigación.
Detencións
Froito das pescudas houbo sete detencións, con cinco maiores de idade e dous mozos que no momento dos feitos eran menores, pero con diferentes circunstancias.
Tres dos maiores de idade seguen hoxe en prisión provisional, incluído un que fora declarar á Policía de xeito voluntario para desvincularse do caso. O último detido quedou en liberdade con medidas cautelares, ao igual ca única muller procesada.
Os dous menores foron declarados autores dun delito de asasinato, polo que deberán cumprir unha condena de tres anos e medio de internamento.
Causa aberta
O xulgado de instrución número oito da Coruña continúa coa causa aberta, mentres non chegan as últimas dilixencias, unha vez xa declararon todas as persoas investigadas, as testemuñas e hai informes policiais sobre o ocorrido.
A instrución é moi detallada. Lograron reconstruír o percorrido de todo o grupo aquela noite; unha reunión posterior noutro punto da cidade para falar do sucedido; e mesmo algúns dos comentarios realizados polos supostos autores do crime.
Nos seus móbiles, a Policía Nacional atopara algunhas mensaxes borradas e foi necesario recorrer aos Estados Unidos para recuperalas.
Conseguiunas de xeito recente e agora analízaas para remitir un último informe ao xulgado que, probablemente, sirva para rematar a instrución, á espera do que aleguen as partes antes da apertura da vista oral.
Crime homófobo
Será no xuízo onde estas cinco persoas teñan que sentar ante un xurado popular, composto por nove membros, que deberán determinar unha das principais cuestións do caso: se se trata dun crime homófobo.
Durante a investigación apareceron indicios, relativos a comentarios dalgúns dos procesados sobre o seu odio ás persoas homosexuais, que así o apuntan. Porén, a agravante da homofobia terá que se demostrar e contar con, polo menos, sete votos do xurado.
Mentres non se celebra o xuízo, Samuel Luiz xa se converteu nunha icona de loita LGTB+. Esta fin de semana realizaranse vixilias na súa memoria e concentracións por toda España, en especial na Coruña, no punto onde o asasinaron.
Actuación heroica
Dentro da crueldade do caso, a cidade atopou dous homes cun gran corazón que tentaron deter o crime, pero non o lograron e tamén foron agredidos: Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye.
A súa actuación, coa que puxeron en risco a vida propia, non conseguiu o seu obxectivo, pero a recompensa social chegou en forma de permiso de residencia, pois son orixinarios do Senegal, a súa designación como fillos adoptivos da cidade e unha oferta de traballo.