Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os traballadores de Alcoa aceptan parar dous anos a produción

Os traballadores de Alcoa aceptan parar dous anos a produción

O 70 % dos que votaron dixo si á última proposta da multinacional

As empresas auxiliares rexeitárona, pero irá adiante

Prevese que o acordo se asine hoxe mesmo 

G24.gal 29/12/2021 00:40

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao aceptaron parar a produción na única factoría de aluminio primario que queda en España o ano que vén e o seguinte para retomala no primeiro semestre de 2024, mantendo os empregos.

Participaron no referendo 808 dos 1.063 operarios desa planta e da de alúmina, na que seguirá a actividade: o 76 %: 563 -o 69,68 %- fixérono a favor; 196 -o 24,26 %- en contra; 40 en branco e houbo 9 votos nulos.

O resultado foi distinto nas empresas auxiliares, sen que iso afectase ó resultado global da consulta: só votaron 180 traballadores, dos que 105 -58,3%- o fixeron en contra; 54 -o 30%- a favor; e 21 en branco.

Cóntase con que o comité de empresa e a dirección asinen nesta xornada a proposta da multinacional, que está condicionada á desconvocatoria da folga indefinida que manteñen os traballadores desde hai tres meses.

A proposta de Alcoa

A hibernación ordenada das cubas de electrólise comezará este sábado, 1 de xaneiro. O 1 de xaneiro de 2024 empezarán os traballos para volvelas arrancar, que durarán un máximo de 6 meses. Para daquela, Alcoa espera ter un contrato de subministración de enerxía que faga viable unha planta para a que hai 19 meses anunciaba un ERE de extinción.

O grupo estadounidense comprométese a manter os salarios nos dous anos de cesamento da produción e o emprego ata o 31 de decembro do 2025. Nas auxiliares garante contratos os dous próximos anos.

Tamén compromete investimentos por valor de 90 millóns de euros, un terzo para reactivar a maquinaria: constituirá un depósito bancario por ese importe, cuxa xestión sería compartida co comité de empresa, baixo a fiscalización das administracións.

Mobilizacións

Alcoa anunciou un ERE en maio de 2020 ao que os traballadores responderon con mobilizacións de todo tipo. Despois viñeron negociacións multilaterais sen resultados, operacións de venda frustradas.

A anulación do expediente de regulación de emprego pola vía xudicial deulles osíxeno ás reivindicacións laborais. Alcoa non puido parar as cubas como pretendía e tivo que elaborar esta proposta que previsiblemente se asinará hoxe. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade