O sector do transporte demanda máis apoio das administracións
O sector do transporte demanda máis apoio das administracións
APETAMCOR aproba a constitución dunha nova federación nacional para defender os seus intereses
Alertan dun déficit de 2.000 profesionais en Galicia polas dificultades que atravesa
Malia a bonificación dos 20 céntimos por litro, o prezo dos carburantes segue a ser unha das maiores preocupacións do sector do transporte. Un de cada catro profesionais asegura que as súas perdas superan o 40 %.
"Subiu todo, non só o gasóleo. Os vehículos incrementáronse un 30 %, non hai vehículos novos para mercar, hai que esperar ano ou ano e medio. Tamén subiron as rodas, os aceites...", asegura Miriam Otero, secretaria xeral de APETAMCOR.
Na súa asemblea xeral, APETAMCOR, que representa 1.300 empresarios cuns 6.000 vehículos en Galicia, acordou a constitución dunha nova federación nacional para defender os intereses do sector.
"Imos loitar para que se persiga a competencia desleal, que tanto dano fai, a xubilación anticipada, o recoñecemento de enfermidades profesionais e o gasóleo bonificado, para dar estabilidade aos prezos no sector", explica Miriam Otero.
Axudas para autónomos
Na clausura participou a conselleira de promoción do Emprego, quen destacou as axudas da Xunta para os autónomos nos orzamentos de 2023.
"Son axudas de 1.200 euros de media que poden chegar a uns 25.000 autónomos e autónomas en Galicia, e o que pretendemos é apoialos para a suba do custo da vida: combustibles, enerxía, materias primas...", explica María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade.
As dificultades que atravesa o sector complican a remuda xeracional. Calcúlase que en Galicia hai un déficit duns 2.000 profesionais.