Os condenados por violar durante anos unha nena en Baleira poderían obter permisos en 9 meses
Os condenados por violar durante anos unha nena en Baleira poderían obter permisos en 9 meses
Os tres condenados por abusar sexualmente dunha familiar mentres era menor poderían pedir en dous anos a condicional
Os tres veciños de Baleira condenados a tres anos de cadea por abusar sexualmente dunha nena da súa familia durante toda a infancia da pequena, e que esta mesma semana ingresaron en prisión, poderían saír de permiso dentro de nove meses e en dous anos solicitar a condicional. É unha posibilidade que contempla a lei e que dependerá da xunta de tratamento da prisión atendendo ao seu comportamento, á gravidade dos feitos e á condena imposta.
O irmán da vítima, súa irmá e o home dela ingresaron este mércores no cárcere de Bonxe para cumprir a condena. Tres anos de cadea para cada un, por poñerse de acordo, os dous homes para abusar sexualmente da pequena e a muller por consentilo. Foi así dende que a vítima tiña 7 ata que fixo os 13 anos, que quedou embarazada do seu cuñado e pariu un bebé que deu en adopción debido á presión dos condenados.
Unha condena que xera controversia pola escasa contía fronte á gravidade dos feitos. Aínda máis, sabendo que é posible que nin sequera a cumpran íntegra. A lei recolle beneficios penais aos que se poden acoller dende que cumpran o 25 por cento da pena.
O avogado Evaristo Nogueira di que a partir dos nove meses poderían ter dereito a permisos penais. "É unha regra xeral aplicable a calquera interno".
Permisos de fin de semana aos que dentro de dous anos podería sumarse a petición da liberdade condicional. Evaristo Nogueira conta que non se trata de nada fora do normal, senón da aplicación da normativa. A premisa obxectiva da que se parte, e sobre a que non caben interpretacións, é a contía da pena imposta. Si son tres anos hai que aplicar a normativa.
En Baleira, os veciños seguen conmocionados ante o coñecemento do drama vivido pola pequena e prefiren non facer comentarios aos medios de comunicación. Os fillos do matrimonio condenado están en Baleira a cargo da avoa.