Os veciños de Sande prepáranse para o Entroido
Os veciños de Sande prepáranse para o Entroido
As bonitas, o oso, a vaca e as avetardas son as súas figuras máis representativas
Desde a pandemia tamén popularizaron os mecos pola aldea adiante
Empezamos pola bonita, que non bonito, aínda que antigamente eran só os homes os que a encarnaban.
"Leva unha parte de home, coa gravata, e outra de muller, coa saia. Tamén leva polainas e botas", explica Antonio, disfrazado de bonita.
Elas son as que manteñen a orde e a compostura nun Entroido que, ante todo, festexa a inminencia da primavera con dúas figuras: o oso.
"Un animal salvaxe que representa o espertar da invernía e a chegada da primavera", aclara Mónica Vázquez, da asociación cultural Entroido As Bonitas de Sande.
E a vaca...
"Que durante todo o ano é un ser tranquilo, que nos dá leite, e no Entroido vólvese tola e leva todo por diante", engade Mónica.
E aínda nos quedan as avetardas.
"A avetarda é xente que se disfraza con roupa vella que hai na casa, da labranza. Canto máis fea, máis bonita di", comenta Elisa.
Os mecos
Outra figura característica do Entroido de Sande, de máis recente incorporación, son os mecos. Reproducen escenas da vida cotiá na aldea e outras máis extraordinarias, como a visita da Televisión de Galicia.
Comezaron a facelos na pandemia, para festexar o Entroido aínda que fose doutra maneira, e xa se converteu nunha nova tradición.