Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os voluntarios do proxecto Plancton retiraron máis de 200 quilos de lixo na illa de Sálvora

Os voluntarios do proxecto Plancton retiraron máis de 200 quilos de lixo na illa de Sálvora

O proxecto está promovido pola Obra Social Abanca para concienciar sobre o impacto ambiental dos residuos

Desde 2021 retiráronse 47 toneladas de lixo en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro

 

Voluntariado recollendo lixo na praia do Almacén, na illa de Sálvora
G24.gal 30/09/2023 20:50 Última actualización 30/09/2023 21:12

Douscentos quilos de lixo mariño retiraron durante esta xornada os voluntarios do programa Plancton nas praias de Sálvora. O proxecto promovido pola Obra Social Abanca busca fundamentalmente concienciar sobre os nosos hábitos de consumo e de respecto ao medio que nos rodea.

Co verán rematado os restos das nosas vacacións e tamén os do día a día reaparecen en espazos naturais onde non deberan chegar. É a viaxe do lixo que o mar devolve a terra, neste caso ao parque nacional das Illas Atlánticas. O voluntariado retirou 200 quilos de residuos mentres tomaba conciencia de como acabaron alí, tal e como detallou Gonzalo Mora, técnico da Área de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación.

"O proxecto Plancton naceu hai uns anos cun obxectivo moi ambicioso. Parte del é saber a orixe do lixo para contribuír a que non chegue ás nosas costas, ao nosos areais".

"Imaxina: estás en Pontevedra diante dunha tenda que ten un sumidoiro diante. Fumas, tiras a cabicha no sumidoiro para non deixala no chan e o que estás facendo e introducíndoa directamente no mar porque as pluviais non van á depuradora. Entón é a maneira en que chega ese lixo logo ao medio natural", detalla Saleta González, técnica do Proxecto Plancton.

Así poden avaliarse cales son os residuos que circulan polo noso mar, os que tardan máis en desaparecer e os danos que causan no medio, como nos amosan algunhas das voluntarias máis novas, Irene e Paula. 

"Recollemos un montón de lixo, e a verdade é que hai moitos cristais". 

"Algún animal pode quedar atrapado. As tartarugas meten a cabeza entre os aros das latas. Algún peixe come lixo ou un golfiño".

Máis de 70 persoas participaron neste voluntariado na Illa de Sálvora. En total desde 2021 retiráronse 47 toneladas de refugallo dentro do proxecto no que participa, ademais, o sector pesqueiro e marisqueiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade