Publicador de contidos
Publicador de contidos

José Antonio Gómez: "A CEOE ten que se sentar seriamente na mesa para chegar a un acordo salarial"

José Antonio Gómez: "A CEOE ten que se sentar seriamente na mesa para chegar a un acordo salarial"

O secretario xeral da UXT insta as administracións a traballar de xeito conxunto para que Galicia acolla a fábrica de baterías de Stellantis

José Antonio Gómez, secretario xeral da UXT, na manifestación do 1 de Maio en Vigo
G24.gal 02/05/2023 10:31

O secretario xeral da UXT en Galicia, José Antonio Gómez, aprema os empresarios a pechar o acordo para o emprego e a negociación colectiva, o coñecido coma AENC, e subir os salarios. Advirte de que se non hai acordo, haberá conflitividade laboral algo que, apunta o líder sindical, non "desexa ninguén". 

"Levamos ano e pico tentando negociar. O tempo esgótase. Se non queren negociar haberá que pechar a porta á negociación e ir sector a sector, empresa a empresa e onde non se chegue a acordo, haberá conflito. Iso non o desexa ninguén, pero creo que a CEOE ten que sentar seriamente na mesa para tratar de acordar e contestar ás propostas que fixemos as organizacións sindicais", apunta. 

O secretario xeral da UXT responde aos empresarios que apuntan que cómpre aquilatar as subas salariais ao tamaño das empresas. Así indicou que "non hai dato, a hoxe, que non diga que os beneficios empresariais en termos globais están medrando e que os salarios están baixando"

Gómez explicou que son conscientes de que non é o mesmo o beneficio dunha gran corporación bancaria que unha panadaría ou un pequeno autónomo. Por iso, indicou que pediron que as subas se fagan conforme a índices de referencia dos beneficios empresariais por sectores.

Datos que, segundo explicou, achegarían a Axencia Tributaria e a Seguridade Social. Con todo, di que "iso non lle gusta á patronal que di que sería unha intervención do Estado na negociación colectiva. Nós entendemos que non é así, estamos a falar de institucións públicas que achegan datos oficiais e que se deberían facilitar para axudar á negociación". 

Sobre as manifestacións do Primeiro de Maio e a presenza de ministros nas mesmas, Gómez di que non entende a polémica porque "sempre participaron os partidos de esquerda. É un día de reivindicación e é lóxica a participación das forzas progresistas. Cos recordatorios que se fixeron o 1 de Maio sobre o acordo de pensións, sobre a reforma laboral..., paréceme razoable que os membros dun Goberno de progreso participen nas mobilizacións". 

O secretario xeral da UXT pronunciábase tamén sobre o proxecto da factoría de baterías para vehículos eléctricos de Setallentis Vigo. Gómez cre que "a coordinación e a cooperación entre as administracións" facilitaría que a compañía se decantase por Galicia.

José Antonio Gómez rexeita o argumento de que a suba salarial sería un atranco para atraer empresas e propiciaría a marcha das factorías a Portugal, onde os salarios son máis baixos. Destaca que unha das razóns entre España e Portugal é que no país veciño hai "simplificación administrativa e facilidades de solo industrial. Loxicamente hai unha diferenza salarial pero creo que mellora no caso de Galicia cos parámetros de produtividade". 

Ao preguntarlle sobre os datos de desemprego, o secretario xeral da UXT pide ás administracións autonómicas, caso da Xunta de Galicia, que se reforcen os servizos públicos de emprego e as políticas activas para buscar "unha saída digna" aos desempregados. Entende que é imprescindible que se adapte e se forme aos parados nas novas ofertas e novas necesidades do mercado de traballo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade