Otxandiano: "Se coas miñas palabras puiden ferir a sensibilidade das vítimas da ETA, pido perdón"
Otxandiano: "Se coas miñas palabras puiden ferir a sensibilidade das vítimas da ETA, pido perdón"
O candidato de EH Bildu a lehendakar di que a coalición "está a dar pasos, seguramente insuficientes" no camiño cara á reconciliación
PNV e PSOE critican a postura do partido abertzale
O PP acusa os socialistas de "hipócritas"
O candidato de EH Bildu a lehendakari, Pello Otxandiano, afirmou que se "arrepinte" da resposta que deu a unha pregunta sobre a ETA e pediu perdón ás súas vítimas se con esas palabras feriu "a súa sensibilidade".
Otxandiano afirmou o pasado luns ao ser preguntado sobre ETA que foi un "grupo armado" e que depende dos "diferentes puntos de vista" consideralo ou non terrorista, termo que non usou para referirse á devandita banda.
"Arrepíntome de dar esa resposta e non responder dicindo que en campaña temos que sacar este tema fóra do contexto electoral", sinalou.
O político de EH Bildu remarcou, en entrevistas en Radio Euskadi e en Telebilbao, que "fala e achégase" a vítimas da ETA e "entende a súa dor", e asegurou que sente un "respecto absoluto" por todas elas.
Recoñeceu que un dos sectores políticos "que hoxe pertence a EH Bildu foi axente de dor no pasado", pero puntualizou que "despois foi parte da solución e hoxe en día Bildu está en disposición de ser axente da reconciliación".
"Proba diso é que nas miñas listas hai xente ameazada no seu día por ETA", resaltou, e insistiu en que EH Bildu "está a ser moi contundente e moi asertiva no camiño cara á reconciliación e construción dunha memoria plural de respecto e reparación a todas as vítimas".
Na súa opinión, esta coalición "está a dar pasos, seguramente insuficientes" nese obxectivo, e admitiu que "aínda faltan moitas cousas".
Salientou que ese proceso "ten que ser multilateral", aínda que asegurou que non piden "nada a ninguén; non estamos no reproche".
"Nós facemos o que entendemos que temos que facer e imos dando pasos en positivo, pero eses pasos e ese traballo debe darse con discreción, fóra dos focos mediáticos e fóra do contexto e os intereses electoralistas", dixo.
Pero aínda así, o líder abertzale seguiu evitando chamarlle á ETA banda terrorista, o que levantou as críticas do PSOE e do PNV. Imanol Pradales, candidato do PNV a lehendakari, considera que "nin ETA é un ciclo político nin é unha traxectoria de 60 anos (...) foi terrorismo".
O presidente socialista de Castela-A Mancha mesmo propón un pacto de Estado para illar a Bildu. "Non se trata dunha exclusión total pero o que parece fundamental é que, en todo caso, nunca sexan decisivos", opinou Emiliano García Page.
Sumar esquiva a polémica. Para Íñigo Errejón, voceiro do partido no Congreso, "cada partido ten unha posición política sobre a violencia, a dor e as vítimas".
O PP acusa os socialistas de "hipócritas". Aféanlle a Pedro Sánchez que aínda non se pronunciase sobre o asunto. Segundo Cuca Gamarra, Secretaria xeral dos populares, "non escoitamos nin unha soa palabra porque, a el, ó único que lle preocupa non é o que diga Bildu, a el o que lle preocupa é que o luns Bildu o siga apoiando para seguir na Moncloa".