Pablo Burgos (CSIF): "Se o SERGAS absorbese todo o funcionariado de Muface o sistema colapsaría"
Pablo Burgos (CSIF): "Se o SERGAS absorbese todo o funcionariado de Muface o sistema colapsaría"
Dende o CSIF en Galicia úrxenlle ao Goberno que se pronuncie sobre a continuidade dos concertos coas aseguradoras privadas.
Ameazan con protestas xeneralizaras e incluso con folgas na función pública.
O vicepresidente en Galicia do sector da Administración do Estado de CSIF, Pablo Burgos, agoira unha saturación aínda maior no SERGAS se a sanidade pública galega ten que absorber os 63.000 funcionarios que están pendentes da continuidade de Muface, que integra as aseguradoras Adeslas, Asisa e DKV.
O concerto con estas aseguradoras remata a final de ano e non se deu chegado a un acordo co Goberno para renovalo.
Nunha entrevista na Radio Galega, Pablo Burgos di que pasar ao SERGAS sería insostible a nivel social porque colapsaría.
Atrasaríanse as citas na atención primaria, habería listas de espera máis longas para operarse ou recibir tratamentos oncolóxicos. Entraríase nun bucle do que sería moi difícil saír.
Dende o CSIF non teñen claro que o Goberno queira acabar co sistema de mutualidades. Pablo Burgos entende que hai unha parte que si, a de Sumar e Podemos, pero a outra parte (a do PSOE) non se pronunciou.
Entendemos que a outra parte do executivo si quere que continúe Muface porque sabemos da intención de licitar un concerto de tres anos, pero que o aclaren. Levamos dúas semanas esixindo unha reunión co ministro da Función Pública.
O CSIF convocou unha concentración para o día 16 de decembro en todas as delegacións e subdelegacións do Goberno. E ameaza con subir o ton:
Se o executivo continúa así, faremos unha gran mobilización en Madrid e convocaremos paros parciais nos centros de traballo. Así, ata chegar á folga.
Pablo Burgos pide que non se xogue coa saúde dos funcionarios e insiste en que levarán á práctica todas as medidas de presión necesarias para que o sistema de mutualidades non remate.