Os Países Baixos confinan a poboación pola variante ómicron ata o 14 de xaneiro
Os Países Baixos confinan a poboación pola variante ómicron ata o 14 de xaneiro
Peche total da hostalaría, escolas, universidades, cultura, tendas non esenciais e deporte non profesional
Os Países Baixos impoñen un confinamento estrito ata o próximo 14 de xaneiro, como medida para frear os contaxios pola variante ómicron do coronavirus.
O peche da hostalaría, da cultura, das escolas, universidades, tendas non esenciais e deportes non profesionais entra en vigor a madrugada deste domingo.
O gabinete en funcións dos Países Baixos toma a decisión para evitar o avance da enfermidade e un posible colapso hospitalario que se albisca próximo.
A Sanidade do país busca así gañar tempo para avanzar coas doses de reforzo da vacina, a partir dos 18 anos, que deben de estar postas a finais de xaneiro. Os peches decretados serán completos nos sectores afectados e no deporte profesional seguirán sen público.
Nas casas non se poderá recibir máis de dúas persoas maiores de 13 anos: serán catro na Noiteboa e o Nadal, o 26 de decembro e Noitevella. Profesións que impliquen contacto como as dos salóns de peiteado, tamén baixarán a persiana e só permanecerán abertos ata as 20 horas servizos esenciais como supermercados e farmacias. Segue en marcha tamén o reparto de comidas a domicilio.
O Goberno considera urxentes e necesarias as medidas só catro días despois de prolongar a clausura parcial, a partir das cinco da tarde, das actividades afectadas.
O "peche duro" fíxose público tras distintas reunións de urxencia e ante o temor da nova vaga da covid e do seu impacto a causa da variante ómicron, aínda que recoñecen que a suspensión da vida social non será fácil de dixerir pola poboación.