A Pasarela Despunta amosa as creacións da Escola Superior de Deseño de Moda Mestre Mateo
A Pasarela Despunta amosa as creacións da Escola Superior de Deseño de Moda Mestre Mateo
Presentaron os seus traballos de fin de carreira, que resumen catro anos de esforzo
O backstage da Pasarela Despunta era un fervedoiro minutos antes do comezo do desfile. Nel, uns corenta alumnos da Escola Superior de Deseño de Moda Mestre Mateo presentaron os seus traballos de fin de carreira, unhas coleccións que resumen catro anos de esforzo para abrir un oco no mundo da moda.
"Realmente creo que ninguén vimos con pretensións de gañar ou perder, porque tan só traer a nosa colección é xa un agasallo. Son moitos meses de traballo, que moitas veces non se aprecia, só se ve o produto final, e culminalo deste xeito é moi especial para nós", di Caludia Figueira, alumna premiada na Pasarela Despunta.
"A min encantaríame que esta paixón se converta no resto da miña vida e poder dedicarme á moda en calquera dos seus eidos, porque cando empezas a estudar deseño de moda descobres que hai moitísimo máis", afirma Brenda Soto, alumna da Escola de Deseño de Moda Mestre Mateo.
Para os profesores a Pasarela Despunta é algo máis que un desfile.
"O desfile é tamén formativo, é unha proxección cara ao exterior, sobre todo para o mundo empresarial", sinala Mónica Fernández, profesora da Escola Mestre Mateo.
O xurado que avaliou estes alumnos recoñeceu nas súas creacións o concepto, o deseño, a idea da reciclaxe e, por suposto, o seu esforzo.
"Pero sobre todo non hai que mirar o visual do esplendor na pasarela, senón o traballo que chegou ata ese punto", di Natalia Alcaide, membro do xurado.
Tras o desfile, entregáronse premios en catro categorías entre todas as coleccións, que amosaron o que poden ser os futuros novos talentos da moda galega.