Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pazos valora un "ilusionante" discurso de Rueda, quen ofreceu "grandes pactos"

Pazos valora un "ilusionante" discurso de Rueda, quen ofreceu "grandes pactos"

"Os cidadáns votárono non por todo o que leva feito, senón polo que quere facer", afirmou o portavoz do PPdeG

O voceiro do grupo popular, Alberto Pazos, valora o discurso de investidura (EFE/ Lavandeira Jr)
G24.gal 09/04/2024 12:54

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, considerou que a intervención do candidato do seu partido para presidir a Xunta, Alfonso Rueda, no debate de investidura foi "ilusionante" e "coherente" co anunciado na campaña electoral.

"Escoitamos un discurso que nos encheu de orgullo e ilusión. O candidato que votaron maioritariamente os galegos o pasado 18 de febreiro -nos comicios autonómicos- fixo un discurso absolutamente coherente co que lle ofreceu aos galegos durante a campaña electoral", afirmou Pazos.

Segundo dixo, Rueda trasladou "experiencia e esperanza", xa que é un candidato que "coñece sobradamente" como dirixir un goberno "exitoso" en base ás cifras que hoxe sacou a relucir.

"Os cidadáns votárono non por todo o que leva feito, senón polo que quere facer", afirmou con todo o portavoz do PPdeG.

Para Pazos, Rueda articulou o seu discurso a través de "tres grandes bloques", que foron "a defensa incondicional dos intereses e dereitos de Galicia"; o desenvolvemento das "potencialidades" e a defensa dos sectores produtivos, do comercio, do turismo e da industria; así como o "fortalecemento dos servizos públicos" e o emprego.

Por último, asegurou que Rueda expresou un "talante" co que busca alcanzar "grandes pactos" co resto de grupos da cámara autonómica.

"Esperemos que a oposición sexa reflexiva. Oxalá dentro de dous días teñamos a oportunidade de comprobar un cambio na actitude que a oposición vén mantendo nos últimos anos; e que por fin o Goberno galego poida contar neste Parlamento cos aliados que necesitamos", sinalou.

"A discrepancia non pode ser un aval para o non a todo. Ten que haber posibilidade de acordos. Espero que os portavoces da oposición abandonen esa confraría da santa negatividade e incorpórense a un proxecto que máis aló das opinións foi validado pola inmensa maioría dos galegos", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade