Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pechada ao baño a praia viguesa de Saiáns por unha vertedura de augas fecais

Pechada ao baño a praia viguesa de Saiáns por unha vertedura de augas fecais

O domingo izaron a bandeira vemella

Os resultados da analítica poderían permitir reabrir mañá o areal ao baño

G24.gal 04/07/2023 13:53

Dende o pasado domingo a praia do Fortiñón está pechada ao baño por un episodio de contaminación. O Concello de Vigo  tomou esta decisión logo de que se detectara unha contaminación de augas fecais que desaconsellaba o baño.

A situación está a normalizarse, e a vertedura xa está controlada, pero no Concello manteñen a prohibición de bañarse á espera dos resultados da analítica das augas, que está previsto que se coñeza mañá. 

Hai días que a bandeira azul non ondea nesta praia do Fortiñón. Un paraíso acotío ateigado de bañistas que hoxe ofrece unha imaxe inusual nun día de verán.

Está prohibido o baño dende o pasado domingo por mor dunha vertedura de augas fecais; cando axentes da Policía Local se achegaron ao areal, mobilizaron os servizos municipais e optaron por izar a bandeira vermella.

Cóntao un veciño: 'Xa foi cando deron a orde aos salvavidas, e pecharon a praia e quedou teminantemente prohibido bañarse. A xente respondeu ben, exceptuando algúns... con esta calor marchou moita xente, porque esta praia todos os domingos está a tope, coma todas".

Queixas por parte do bar Praia do Fortiñón, que está a ter perdas por mor da prohibición de bañarse:

'Xa o xoves se queixaban os clientes de que botaba porquería a praia. O venres igual, o sábado xa era un río. E veñen o sábado pola noite, ás doce da noite a mirar... Que miras ás doce da noite, que non miras nada? E agora chegaron o domingo, que xa era un río, e fixeron o mais fácil, pechar a praia'.

A orixe da vertedura está na rotura dunha tubaxe de Aqualia na veciña praia de Noiva. Os veciños quéixanse dende hai tempo dos malos cheiros e láianse de que as autoridades non actuaran antes.

"Eu xa non sei que facer porque os clientes chegan e din: mira, aquí non se pode estar, os bocadillos que tiñamos encargados xa non os queremos porque marchamos, que non nos podemos bañar. Eu xa non sei que facer, ao señor díxenlle o outro día que iso cheiraba moito, e díxome que non, que iso non é verdade, e é verdade", comentan no bar próximo á praia. 

Os técnicos confían en que este areal da parroquia de Saiáns volva estar aberto ao baño máis pronto ca tarde. Relátao a inspectora de Sanidade Rosana Martínez Aragunde, que esta mañá recollía unha mostra da auga do mar para analizala.

Así que os bañitas terán que esperar polo menos ata mañá para poder bañarse de novo e ver pendurada de volta a bandeira azul.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar