Sánchez evita pechar o debate sobre a reforma do delito de malversación
Sánchez evita pechar o debate sobre a reforma do delito de malversación
A ministra de Facenda está convencida que esta decisión politica non terá custo electoral
O presidente do Goberno segue sen pechar o debate sobre a reforma do delito de malversación. Remítese ao que decida o Congreso. O que si está en marcha é a derrogación da sedición. Esta madrugada superou o primeiro trámite parlamentario. Fíxoo nun pleno cargado de tensión no que os aliados do Goberno fixeron fronte común contra os argumentos da oposición.
Malia o intento do Partido Popular, non houbo fisuras na votación dos deputados socialitas. E máis, escenificaron esa unión levantándose todos cando votaba Inmaculada Oria.
No debate, varios grupos anunciaron que van presentar enmendas ao texto proposto polo PSOE e Podemos. Queren cambiar algúns aspectos pero ningún fixo referenza a se vai intentar reformar tamén o delito de malversación.
O voceiro de ERC no Congreso presumía de "quitarlle o xoguete aos xuíces fascistas" e pediulle a Junts que non se "enfade tanto e axude" para rematar co que consideran represión aos líderes do 'procés'.
A ministra de Facenda e vicesecretaria do PSOE, María Jesús Montero está convencida que esta decisión non vai ter custo electoral nas próximas eleccións municipais e autonómicas de maio. Asegura que "máis ben debería ser o contrario, debería considerarse unha achega de Pedro Sánchez á convivencia", dixo nunha entrevista radiofónica esta mañá.
Para o PP, a reforma da sedición non é máis ca un pago de Pedro Sánchez ao independentismo a cambio de aprobarlle os orzamentos.
A reforma da sedición e da malversación son puntos clave para os partidos independentistas cataláns. De facerse , Junqueras podería mesmo presentarse ás próximas eleccións autonómicas e Puigdemont vería moi reducida a súa condena en caso de responder diante da xustiza española.