Pedro Sánchez repite como presidente do Goberno tras lograr o apoio do Congreso

Sánchez obtén 179 votos favorables, do PSOE, Sumar, ERC, Junts, EH Bildu, PNV, BNG e CC fronte a 171 en contra, do PP, Vox e UPN

O presidente do Goberno logra a reelección sen necesidade de acudir á segunda votación e cunha maioría máis ampla que en 2020

Patxi López denuncia os ataques contra o PSOE: "Non nos van calar"

O BNG reivindica o pacto co PSOE e Sánchez promete reparar anos de retroceso en Galicia

Pedro Sánchez tras ser reelixido presidente do Goberno polo Congreso dos Deputados (EFE/Javier Lizón) Pedro Sánchez tras ser reelixido presidente do Goberno polo Congreso dos Deputados (EFE/Javier Lizón)
G24.gal 16/11/2023 12:38 Última actualización 16/11/2023 13:50

Pedro Sánchez logrou o apoio maioritario do Congreso dos Deputados para saír elixido presidente do Goberno, con 179 votos favorables, tres máis da maioría necesaria na primeira votación, e 171 en contra.

A favor da candidatura do candidato do PSOE votaron os deputados socialistas, os de Sumar, ERC, Junts, EH Bildu, PNV, BNG e CC. En contra votaron os representantes do PP, Vox e UPN. Tras o voto, por chamamento, dos deputados e deputadas, e do reconto do resultado, a presidenta do Congreso, Francina Armengol, proclamaba a vitoria de Sánchez. 

Sánchez, que revalida o seu mandato, saudou un a un a todos os deputados do grupo parlamentario socialista, despois de que Feijóo se achegase ao seu escano tamén para tenderlle a man.

Unha vez que a presidenta da Cámara Baixa anunciou o resultado Núñez Feijóo abandonou o seu escano e dirixiuse ao do xefe do Executivo.

De acordo co costume parlamentario, o líder do PP estreitou a man de Sánchez como felicitación pola súa reelección, no medio dos berros de "presidente, presidente!" da bancada socialista.

Momento do saúdo entre Sánchez e Feijóo (EFE/Javier Lizón) Momento do saúdo entre Sánchez e Feijóo (EFE/Javier Lizón)

Núñez Feijóo asegurou onte, mércores, no seu debate con Sánchez que a súa investidura “nace dunha fraude” e ha de interpretarse como “corrupción política”. Tras saudar a Sánchez, o presidente do PP deuse a volta e abandonou o hemiciclo á vez que seguían as aclamacións dos deputados do grupo do PSOE.

Un xesto que tamén tiveron varios portavoces parlamentarios como o de ERC, Gabriel Rufián, e a de Sumar, Marta Lois.

Sánchez logrou a maioría absoluta da Cámara sen necesidade de ter que acudir a unha segunda votación.

O Congreso pecha así dous días de debate de investidura, a décimo oitavo desde a democracia, na que o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, revalida o seu mandato por segunda vez e cunha maioría máis ampla que a que obtivo en 2020, cando foi investido en segunda votación por 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións.

Destas forma a Cámara culmina o proceso para poñer en marcha xa a formación dun Goberno tras catro meses desde que se celebraron as eleccións xerais o pasado 23 de xullo e tras celebrarse a investidura errada do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, achegouse a Pedro Sánchez para estreitarlle a man despois de que o Congreso dos Deputados dese luz verde á súa investidura.

Unha investidura que se produciu catro días despois de que se rexistrara no Congreso dos Deputados a lei de amnistía aos procesados do procés, que provocou duras protestas nas rúas e fixo que o Congreso se blindase con máis de 1.600 axentes durante dous días.

Tras a votación e obtido o respaldo do Congreso, a presidenta do Congreso, Francina Armengol, comunicará previsiblemente esta tarde a votación ao rei Filipe VI, a quen corresponde realizar o nomeamento do presidente do Goberno investido pola cámara. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade