Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez asegura que "tanto o PP coma Vox se fan eco da máquina do lodo"

Pedro Sánchez asegura que "tanto o PP coma Vox se fan eco da máquina do lodo"

Nunha entrevista no diario El País, di que o Parlamento debe atopar unha solución para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial

O presidente do Goberno asegura sufrir "acoso sistemático" dende hai dez anos e que sempre defenderá "a honorabilidade da súa dona"

Alberto Núñez Feijóo cre que España non ten goberno e que hai que volver ás urnas para que a cidadanía decida

Pedro Sánchez en Montmeló este sábado/FOTO: Lorena Sopêna (Europa Press)
G24.gal 05/05/2024 09:15 Última actualización 05/05/2024 15:02

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, considera nunha entrevista que este domingo publica o diario El País, que "tanto o PP coma Vox se fan eco" do que denomina "a máquina do lodo", e sitúa a súa orixe no "non recoñecemento da lexitimidade do Goberno progresista".

"Creo que tiña que explicarlle como me sentía ao conxunto da cidadanía ante o que me pareceu un atropelo basto e groseiro", asegura en resposta á pregunta de se se arrepinte de facer pública a súa reflexión sobre se dimitir ou non.

Máis adiante conta que precisaba saber "se ía ter persoas que puidesen empatizar cunha situación que a min excédeme, que me supera, que está a minar e socavando a convivencia no noso país".

Ademais, na entrevista comenta que no PSOE "aínda non chegou o momento da sucesión", e que o Parlamento será o que deba atopar unha solución para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O presidente do Goberno afirma que sofre desde hai 10 anos un "acoso sistemático" para tentar deshumanizalo e que houbo unha "pinga que colmou o vaso, que foi precisamente a apertura de dilixencias por un bulo á miña esposa -Begoña Gómez-".

"Un dos momentos máis difíciles da miña vida política", engade.

Recoñece que a propagación de loiadas "sucedeu previamente, con Felipe González, con José Luis Rodríguez Zapatero, pero non con esta envergadura".

"Non existían as ferramentas que hoxe si se teñen de Intelixencia Artificial, de redes sociais, de tabloides dixitais, que poñen en marcha embustes que logo escalan ao debate político, porque tanto o PP como Vox se fan eco deles... e acaban sendo xudicializados por esas pseudoentidades ultradereitistas, chámense Manos Limpias, Hazte Oír, ou calquera que sexa o seu nome".

Persecución

Denuncia a persecución que sufriu e sofre a súa esposa por "pseudomedios dixitais", di que se nega a que "teña que renunciar ao seu desenvolvemento profesional en beneficio do desenvolvemento profesional do seu marido" e que defenderá sempre a honorabilidade da súa dona.

Sobre as razóns que o levaron a non dimitir, Pedro Sánchez asegura que foron as mobilizacións e a oportunidade de "achegar ferramentas para acabar con estas loiadas e a desinformación que está a crebar a nosa convivencia".

Para loitar contra a desinformación, di contar con medidas propostas por intelectuais, xornalistas, organizacións da sociedade civil "que poden contribuír a fortalecer a democracia".

Tamén fai referencia ao plan de acción en defensa da democracia despregado por Europa desde 2020 "que todos os Estados membros estamos obrigados a poñer en funcionamento".

"Tamén debemos poñer en funcionamento a lei europea de liberdade de medios de comunicación, que fala de transparencia, de que todos os medios de comunicación, tamén os pseudomedios, clarifiquen a súa propiedade... O Departamento de Seguridade Nacional, que depende do Goberno de España, propuxo un foro nacional contra a desinformación, e aí saíron outras propostas, como colexiar o xornalismo para evitar o intrusismo".

Agrega que "ata o de agora se pensou que a desinformación nos viña de fóra, por exemplo, do réxime de Putin. O problema é que temos eses actores dentro do noso país como cabalos de Troia contra a nosa propia democracia. E iso é algo que temos que dar a coñecer á cidadanía".

Renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial

Cuestionado pola renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, lembra que alcanzara dous preacordos con Pablo Casado, primeiro, e con Alberto Núñez Feijóo, despois, "que foron rotos polo Partido Popular".

Tamén subliña que aceptaron a mediación da Comisión Europea para desbloquear unha situación "que está a levar a un punto de extraordinaria debilidade a un poder tan fundamental... e o que estamos a ver de novo son escusas para non chegar a esa renovación".

"Non é o Goberno quen vai ter que ofrecer unha solución, debe ser o Parlamento, porque é no Parlamento onde se decide e se nomean os integrantes do Consello Xeral do Poder Xudicial (...) Probablemente o meu erro foi pensar que ía poder lograr un acordo co Partido Popular". 

"España non ten Goberno"

Noutra entrevista, neste caso no xornal La Vanguardia, o líder da oposición cre que España non ten Goberno e que hai que volver ás urnas para que a cidadanía decida.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, asegura que é el quen recibe máis insultos por parte do Goberno, que a carta do presidente foi unha frivolidade e un engano, e que mellor lle fora ter dimitido e propiciar así, di,  a fin do goberno máis débil da democracia.

"Son máis respectuoso co presidente como xefe da oposición que o que é o presidente comigo pero a min isto non me interesa (...) Creo que neste momento España non ten Goberno e lamentablemente imos estar todo o tempo nesta situación ata que alguén decida pedirlle aos españois que volvamos votar, que creo que é que correspondería, volver votar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade