Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pérez Cortés leva corenta e sete anos sendo o alcalde de Quintela de Leirado

Pérez Cortés leva corenta e sete anos sendo o alcalde de Quintela de Leirado

Nesas últimas eleccións do 28-M, Xosé Antonio Pérez Cortés, aos seus 76 anos, volveu gañar por maioría absoluta en Quintela de Leirado

Leva gobernando alí corenta e sete anos, dende 1976, máis tempo que ningún outro alcalde en España.

G24.gal 18/06/2023 17:56 Última actualización 18/06/2023 18:40

A primeira vez que Xosé Antonio Pérez Cortés foi alcalde foi en 1976, cando tiña vinte e oito anos. Hoxe ten setenta e seis anos e leva corenta e sete no cargo. De completar o próximo mandato podería chegar aos cincuenta e un anos como alcalde dun mesmo concello. 

Cando en abril de 1979 se celebraron as primeiras eleccións municipais da democracia Xosé Antonio Pérez Cortés xa volvera da emigración en Guinea Ecuatorial, onde estaba medio Quintela de Leirado, e con 31 anos xa era empresario e levaba tres anos sendo alcalde.

"A partir de aí fun ás primeiras eleccións democráticas que houbo, fun pola UCD. E foi continuando ata hoxe, que nunca pensei que ía durar tantos anos", explica a TVG o alcalde de Quintela de Leirado. 

Pertenceu á UCD, a Coalición Galega, e finalmente ao Partido Popular, no que segue militando. Nas últimas eleccións do 28-M acadou o 90% dos votos. Gobernará sen oposición porque a totalidade da corporación municipal, os sete concelleiros, forman parte do seu equipo de goberno.  

"Cada elección que pasa a porcentaxe que me vota é máis grande. Nesta ocasión do 28-M estiven roldando o 90 % de apoios, e iso motívate, e responsabilízate", engade Pérez Cortés. 

Quinteira de Leirado ten cinco parroquias, 32 lugares e 625 persoas censadas, moitas vinculadas á emigración en Guinea Ecuatorial. 

"Os concelleiros que están nas distintas parroquias teñen a orde de velar por elas e se hai un descontento trasladar a queixa ao Concello. Eu teño a sorte de que despois de comer, e descansar un pouco, collo un todoterreo do Concello e percorro dúas veces por semana unha parte dos lugares do concello e vexo se algo necesita unha reparación", di o alcalde. 

Pérez Cortés leva sendo alcalde 47 anos pero nunca viviu da política senón das súas empresas.

"Eu desde logo síntome orgulloso de que a sociedade de Quintela de Leirado progrese máis e a súa calidade de vida sexa mellor", conclúe Xosé Antonio Pérez Cortés. 

Cando remate este mandato non quere volver erguer o bastón de mando. É un deses maiores que confía, conta el, no talento dos novos que veñen atrás.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade