Persiten as restricións de auga en Ribadavia, á espera da nova captación desde o río Avia
Persiten as restricións de auga en Ribadavia, á espera da nova captación desde o río Avia
O Concello asegura que a nova instalación está practicamente finalizada
Hai un mes que das billas dos veciños de Ribadavia non sae auga a demanda. Só en horarios predeterminados, xa que o regato Maquiáns, que fornece a vila, baixa seco e non ten caudal suficiente para atender as necesidades da poboación.
"Como facemos, pois mira perdendo cartos pola mañá en cafés porque só podo facer descafeinados de sobre, con leite. E logo para lavar en canastro, teño un canastro de auga que collo pola noite, e deixou aí para lavar"; "Dannos auga a determinadas horas e temos que aproveitalas. Un pouquiño á hora da comida e un pouquiño á noite"; "Estes días estamos sen luz tamén, co tema do incendio de aí da Foz, e aguantando como se pode".
Os depósitos de auga potable son xa un elemento máis da paisaxe urbana desta localidade ourensá e camións cisterna garanten o abastecemento diario.
A solución virá da captación que se está construíndo para recoller auga directamente do río Avia. "Mentres non se arranxe, sei que se está encanando cara aos depósitos, non podo dicir nada máis. Esperemos que o fagan canto antes e poidamos ter auga como Deus manda".
Segundo o Concello, a nova captación está practicamente rematada e pendente das últimas probas para verificar o seu correcto funcionamento.