Publicador de contidos
Publicador de contidos

Planas avanza en Burela que un 10 % da cota da pescada norte non consumida en 2024 poderá pasarse a 2025

Planas avanza en Burela que un 10 % da cota da pescada norte non consumida en 2024 poderá pasarse a 2025

O ministro de Agricultura e Pesca visita a confraría de pescadores San Juan Bautista en conmemoración do seu centenario

Destaca que informes científicos sobre a sardiña prognostican a posibilidade de "capturas interesantes"

O ministro Luis Planas xunto á alcaldesa de Burela, María del Carmen López. Europa Press / Carlos Castro
G24.gal 12/12/2024 18:37 Última actualización 12/12/2024 21:00

O ministro de Pesca, Luis Planas, indicou que "é certo" que a pescada norte sofre un recorte do 20 % en 2025, pero engade que: "É verdade que non consumíramos a cota deste ano enteiramente, e iso vainos permitir recuperar ata un 10 % da dispoñible no ano 2024 para o ano 2025, de xeito que entendo que imos poder satisfacer as necesidades da nosa frota".

Expresouse así en declaracións aos medios na tarde deste xoves en Burela, onde participou no acto de peche do centenario da confraría de pescadores de San Juan Bautista.

Deste xeito, subliñou que "hai moi boas noticias" no acordo pesqueiro de Totais Admisibles de Captura (TAC) e cotas para 2025 no Atlántico noroeste e o Cantábrico, máis aló do recorte do 20 % en pescada en Gran Sol. Respecto diso, valora que case se "quintuplicaron" os TAC e cotas para o xurelo, o que "é importante para Galicia" e a frota do cerco.

Nesta liña, subliña o mantemento do abadexo e a pescada sur, así como as subidas para o peixe sapo e o rapante, unido ao "mantemento das 85 toneladas de ollomol que eran tamén particularmente importantes neste contexto".

"Por tanto, eu creo que globalmente é un bo resultado", conclúe, e "hai que sacarlle proveito" para "capturar de forma sostible", "pero tamén comercializar e vender".

Considera "absolutamente fundamental que se poida maximizar o resultado comercial das capturas" para un "sector pesqueiro san".

Paralelamente, o ministro referiuse á información de "onte (mércores) pola tarde" sobre os informes científicos sobre a sardiña que "son particularmente interesantes". "Creo que nos poden axudar a ter unhas capturas este ano que poidan ser interesantes para a nosa frota", anunciou en relación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade