Planas di que o recurso contra o veto á pesca de fondo se vai presentar "canto antes"
Planas di que o recurso contra o veto á pesca de fondo se vai presentar "canto antes"
España ten dous meses para presentar o recurso, a contar desde o 19 de outubro
O ministro cre que hai poucas posibilidades de conseguir unha suspensión cautelar do regulamento
A cota de pescada sur para España crece ata as 9.201 toneladas
O ministro español de Agricultura e Pesca, Luis Planas, indicou este luns que se presentará "canto antes" o recurso do Goberno ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) contra a prohibición da pesca de fondo a máis de 400 metros en 87 áreas do Atlántico nororiental.
"A nosa pretensión (...) é expoñelo ante o tribunal canto antes, pero evidentemente ben fundamentado, como é a nosa intención, para gañalo en Luxemburgo, que é a nosa pretensión", dixo o ministro á súa chegada á reunión de titulares de Agricultura e Pesca dos Vinte e sete que se celebra en Luxemburgo.
Planas lembrou que España ten para presentar o recurso un prazo de dous meses desde o pasado 19 de setembro, cando se publicou a prohibición no diario oficial da Unión Europea.
"Hoxe mesmo teñen lugar en Madrid reunións para continuar a preparación do recurso. Nos próximos días a secretaria xeral de Pesca vai manter unha reunión coas comunidades autónomas e co sector pesqueiro", expuxo.
Pesimista sobre a suspensión cautelar
Sobre a posibilidade de pedir no recurso como medida cautelar a suspensión do veto, Planas recoñeceu que se están examinando "todas as posibilidades", pero lembrou que as primeiras análises dos servizos xurídicos do Estado "indicaban que existían moi poucas posibilidades a este respecto".
"Pero o importante non é isto. O importante neste momento é gañar o fondo do recurso e para iso fai falta un bo recurso", dixo.
A pesca de fondo a máis de 400 metros de profundidade está prohibida en 87 zonas do Atlántico nororiental desde o 9 de outubro, cando entraron en vigor as polémicas vedas impostas pola Comisión Europea, que en España rexeitan as administracións, a frota e distintos sectores económicos. A decisión ten por obxectivo protexer ecosistemas mariños vulnerables.
O regulamento da CE establece unha relación de 87 polígonos mariños nos que os barcos que traballan con artes de fondo non poderán pescar por baixo dos 400 metros, o que en principio afecta a caladoiros de interese para España como o Gran Sol (augas irlandesas), o Cantábrico ou o golfo de Cádiz.
Afecta os buques de arrastre, de palangre de fondo -pico e volante-, ao rasco e outras artes menores.