Plantan unha horta para coidar dos que a coidan
Plantan unha horta para coidar dos que a coidan
Atender a horta é unha das actividades que máis motiva os maiores que viven na residencia de Vila de Cruces
É unha tarefa programada en que participan todos os residentes e que estimula as súas ganas de saír ao exterior
Para romper a inercia do inverno que os obriga a facer vida sempre no interior, na residencia de Vila de Cruces tiran dun estímulo que anima a saír ao xardín a gran maioría dos residentes e que ademais lles permite lembrar e exercitar as súas habilidades. Esta é a segunda primavera que o coidado da horta forma parte do calendario de actividades do centro.
"A horta para min é o traballo máis bonito que teño. Gústame facela e gústame comer dela"
Partindo do seu saber e das súas preferencias, planifican as plantacións. Hoxe toca poñer os amorodos e os pementos, pero xa teñen listos os alcouves de leitugas e cabazas, e por primeira vez tamén botaron patacas cun sistema, innovador para algúns, que os libra de ter que cavar a terra.
"Gústame porque nacín nisto", "E como fun sempre do campo non se perde a ilusión de facer as cousas", "E despois comíase sabendo que era da túa terra"
O seguimento das plantacións é parte do atractivo da horta, porque os mantén ocupados no seu coidado ata que chegue a hora da colleita.
"Todas as actividades que se fan ao aire libre motivan doutra maneira e ademais permite que collan vitamina D, ten estimulación positiva", destaca Rocío Carbón, a directora da residencia municipal de maiores de Vila de Cruces.