Feijóo cre que "España está orfa de política de Estado"
Feijóo cre que "España está orfa de política de Estado"
"Son necesarios gobernos proactivos, que non se escondan, que non se inhiban", di o presidente da Xunta
Feijóo pídelle ao Goberno medidas inmediatas e anuncia novas axudas da Xunta
A oposición reprocha a Feijóo que use o Parlamento como candidato do PP
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este martes no Parlamento de Galicia para falar da escalada de prezos a proposta do BNG. A resposta á crise actual ten que ser "inxente, urxente e require de todos", segundo Feijóo, que asegurou que os gobernos deben dar a cara e solucións aos problemas dos cidadáns.
"Sinalar como inimigos, e ás veces como delincuentes, cidadáns que están preocupados e desesperados é un erro que debe ser rectificado de forma inmediata", dixo en referencia ás palabras do Executivo central á folga do transporte.
O presidente da Xunta propúxolle ao Goberno dez medidas, que van desde a baixada de impostos da enerxía, ata garantir a chegada de alimentos básicos ao mercado, botando man do Exército se é preciso. Feijóo lembrou que a Xunta ten en marcha un plan de choque a esta crise e anunciou que esta semana vai aprobar novos apoios para empresas, préstamos para a industria e axudas para que familias e negocios poidan facerlles fronte ás facturas da luz.
"Señorías, non nos inhibimos. Tomamos decisións no Consello da Xunta, anunciamos hoxe máis decisións e volveremos a seguir tomando decisións nos Consellos da Xunta", asegurou.
Feijóo dixo que España está en mans de dous gobernos e orfa de políticas de Estado e afirmou que iso non vai pasar en Galicia.
"Quero garantirlles aos galegos que iso non ocorrerá en Galicia. Con total independencia das decisións persoais que todo o mundo sabe que debo adoptar, a nosa terra preservará a súa estabilidade. Porque coñezo a este Goberno. Porque coñezo ao partido que o sustenta. Porque coñezo a maioría parlamentaria desta Cámara e por iso sei que para todos Galicia está por riba de todo", concluíu.
A oposición pide medidas de calado e menos propaganda
Os grupos da oposición tacharon a comparecencia do presidente da Xunta de propagandística. Din que as medidas anunciadas non terán un impacto real na economía e coinciden en que as propostas para facer fronte á escalada de prezos da enerxía e dos carburantes teñen que adoptarse dende Europa, dende España e tamén dende a Xunta.
Dende o PPdeG aseguran que a Xunta non se inhibiu e que xa está a implementar medidas para minimizar os danos económicos desta crise. Tamén lembrou que o presidente da Xunta deu a cara en todas as crises; na financera, na derivada da pandemia e tamén nesta que, segundo din, podería ter peores efectos ca as anteriores.
Minuto a minuto
Comeza a comparecencia do presidente da Xunta no Pleno do Parlamento
Feijóo inicia a intervención dicindo: "Estou hoxe aquí porque un gobernante responsable debe dar explicacións". "Os cidadáns precisan de gobernos que non se escondan", asegura o presidente da Xunta.
"Son milleiros os gandeiros que están tirando leite, milleiros os pescadores que teñen os barcos amarrados, milleiros os transportistas que garantiron a subministración no estado de alarma, e hoxe non lles dan as contas", di Feijóo.
"Eu quero manifestarlle á xente que o está pasando mal todo o meu respecto", asegura o presidente da Xunta.
"Moitos dos problemas que temos xa existían", di o presidente da Xunta, quen afirma que lle pode achacar á guerra en Ucraína toda a responsabilidade da crise actual.
"España leva anos asistindo a un encarecemento da enerxía", di Feijóo.
"A inflación non é cousa da semana pasada nin do mes pasado", cre Núñez Feijóo.
"Galicia pediu hai meses que se reconsiderase a suba de impostos e non se aceptou a proposta", explica o presidente da Xunta. "Tamén fomos contrarios a incrementar a débeda, e agora vemos as consecuencias. Todas as administracións imos sufrir para pagar débedas doutras", afirma.
Feijóo cualifica de "volantazo" o cambio de postura do Goberno de España respecto ao conflito do Sáhara.
"Non se entende que ante o que estamos a vivir agardemos ata o 29 de marzo", di Feijóo. "Onte mesmo asistimos a un récord histórico. Reuníronse tres ministras coas confederacións do transporte que non estaban en folga e saíron sumándose á folga".
Moitos países da Unión Europea tomaron decisións, asegura o presidente da Xunta, que se pregunta porque en España non se toman.
"Agora a marxe de manobra das comunidades autónomas é limitada. Temos que colaborar co Goberno pero colaborar, non implica calar, cando a situación é tan grave como esta", di o presidente da Xunta de Galicia.
O presidente da Xunta fai un repaso ás medidas xa adoptadas pola Administración galega nas últimas semanas ante esta crise e avanza novas accións do seu executivo.
Feijóo traslada unha batería de medidas desde Galicia que cre que son necesarias para aplicar en España.
"É urxente que o Goberno central aprobe un plan de continxencia para garantir o abastecemento", di Feijóo. "Se é preciso que nos axude o Exército para garantir que o leite, a carne e o peixe chegue aos seus destinos".
"É imprescindible unha resposta nacional ante a emerxencia enerxética", reclama o presidente da Xunta.
Feijóo di que a baixa de impostos nos hidrocarburos e no mercado da enerxía "é urxente".
"Necesitamos saber que está a negociar o Goberno en Bruxelas", reclama Feijóo.
"Necesitamos que o Goberno non nos minta. É urxente que compareza e dea respostas".
"Galicia estará a altura da súas responsabilidades", di Feijóo en relación a chegada de refuxiados de Ucraína, e pide un plan nacional de acollida á persoas que foxen da guerra.
"En España non hai, tristemente, políticas de Estado neste momento. Hai políticas de Goberno", lamenta Feijóo.
"A política exterior é unha cuestión de Estado, e non lle pertence ao Goberno, nin a Sánchez nin ao Partido Socialista", di Feijóo referíndose ao acordo con Marrocos, e pide explicacións de como vai afectar.
Finaliza a primeira intervención do presidente da Xunta.
Comeza a intervención de Ana Pontón, voceira do BNG.
"Hoxe é martes e isto é o Parlamento de Galicia, non o Senado. Dígollo porque igual pensa que é un mintin do PP, e os galegos e galegas non merecen iso", comeza dicindo Ana Pontón.
"Mentres hai unha crise que está empobrecendo as familias e as empresas, e pon en risco empregos e de colapso sectores que son estratéxicos, temos ao presidente de Galicia de turismo, de campaña no Partido Popular", asegura Ana Pontón.
"Hoxe temos un exercicio máis de propaganda, sen poñer solucións a crise", asegura Pontón. "Propaganda, propaganda e propaganda".
Ana Pontón relata as propostas do BNG para afrontar a actual crise de prezos da enerxía e carburantes e da inflación.
"Como ve, señor Feijóo, hai moitas cousas que podería estar facendo. Isto non é un mitin do PP nin o Senado", conclúe Ana Pontón.
Comeza a súa intervención o voceiro do PSdeG, Luís Álvarez.
"Catro quintaspartes da súa comparecencia foron para poñerlle deberes ao presidente do Goberno", di Luís Álvarez no inicio da súa comparecencia.
"Cómpre unha política económica á altura do momento", di Luís Álvarez.
"A cidadanía sabe que non é o mesmo, en momentos de crise, que non é o mesmo que goberne a esquerda ou a dereita", asegura Álvarez.
O voceiro dos socialistas no Hórreo ponlle deberes á Xunta, e propón medidas como a redución das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica ou no treito de IRPF transferido.
"O problema da gandería xa existía", di Álvarez, "e vostede leva 13 anos gobernando Galicia".
Álvarez acusa a Feijóo de empregar o Parlamento de Galicia para proxectarse no ámbito estatal.
Comeza a súa intervención Pedro Puy, voceiro do PPdeG.
"A cuestión é quen fai algo e quen non fai nada", di Puy, "e na comparecencia do presidente quedou claro que o Goberno da Xunta está a actuar".
"A situación é cada vez máis complexa e dramática", asegura Puy, quen cre que actuar é "urxente".
Inicia a súa réplica o presidente da Xunta.
"Nós propuxemos dez medidas. Están aquí expostas, unha por unha e concretadas", asegura Feijóo. "E estas son as medidas que propuxo o Goberno Central, 21 días despois do comezo da guerra de Ucraína: un folio en branco".
"Estamos nun momento de extraordinaria dificultade", di Feijóo, "e propoñemos medidas desde a responsabilidade".
"Temos un conflito nas estradas, e o Goberno aínda non se reuniu co plataforma que convocou a protesta", di Feijóo.
O presidente da Xunta pídelle á oposición que se sume ás súas propostas.
Ana Pontón comeza a súa segunda quenda de intervención.
"O BNG fai unha condena clara e rotunda da invasión rusa a Ucraína", di Ana Pontón, "e é lamentable que o señor Feijóo use a dor do pobo ucraíno para atacar o BNG".
Pontón volve preguntarlle ao presidente da Xunta "en que DOG están publicadas as axudas que anunciou Feijóo".
Pontón pídelle a Feijóo que estude as medidas propostas polo BNG.
Segunda quenda para o voceiro do PSdeG, Luís Álvarez.
"Está moi ben a broma do folio en branco", di Álvarez, "pero a Xunta presenta programas moi ben maquetados que nunca cumpre nin avalía".
"Remato cunha cuestión que me doe particularmente", conclúe Álvarez, "pídolle por favor que retire a referencia a un Goberno autista".
Interven o voceiro do PPdeG, Pedro Puy
Puy fala dun "contraste" no debate, no que Feijóo presentou medidas, e na oposición, que "non critica en nada o Goberno de España", e "só responsabiliza a Xunta".
Pecha a comparecencia o presidente da Xunta.
"Non sei que podo facer para non ser criticado", dilles Fejóo aos deputados do BNG.
"Imos seguir mantendo un Goberno centrado, porque sempre o tivemos", di Feijóo.
"Mentres teñamos o apoio das urnas imos seguir dando a cara polos galegos", conclúe Feijóo.
Finaliza a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento.