Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta aprobará unha lei de meteoroloxía propia se o Goberno non traspasa estas competencias

A Xunta aprobará unha lei de meteoroloxía propia se o Goberno non traspasa estas competencias

A conselleira de medio ambiente asegura: "Se empezan a dar voltas e a dicir que é inconstitucional, o que faremos é lexislar"

Ángeles Vázquez anuncia que a Xunta enviará ao Parlamento a lei do clima no terceiro trimestre de 2025 e aprobará a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono antes da primavera

EFE / Lavandeira jr EFE / Lavandeira jr
G24.gal 03/12/2024 08:04

A Xunta aprobará unha lei propia de meteoroloxía se o Goberno "demora" o traspaso destas competencias. Anunciouno no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, onde comparece a petición propia para presentar as liñas mestras do seu departamento.

O Executivo autonómico insiste en reclamar as competencias para poder dar alertas desde o servizo meteorolóxico da comunidade (Meteogalicia) ante fenómenos adversos, como é o caso do risco de inundacións, entre outros asuntos

Segundo Vázquez, "o lóxico" é que Galicia teña as competencias plenas en meteoroloxía e advirte de que "se empezan a dar voltas e a dicir que é inconstitucional, o que faremos é lexislar" igual que fixo a Xunta coas competencias de xestión do litoral, para as que conseguiu unha sentenza favorable do Tribunal Constitucional despois de que o Goberno central recorrera a normativa autonómica nesta materia.

Vázquez enmarca esta reclamación dentro da "prioridade" do seu departamento para esta lexislatura de loitar contra o cambio climático.

Neste senso anuncia unha lei do clima que se empezará a tramitar no terceiro trimestre de 2025 e que ten por obxectivo acadar a "normalidade climática en 2040".

Vázquez indicou que o Goberno galego desenvolveu un total de 139 medidas no marco do primeiro plan integrado de enerxía e clima para o período 2019-2023 e avanzou que agora a Xunta está perfilando o segundo plan rexional integrado dotado de 93 medidas e cun presuposto de 1.860 millóns de euros que busca mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro de aquí ao ano 2030.

Ademais, segundo explicou a conselleira, no primeiro trimestre do ano que vén aprobarase a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono, que axudará as empresas a "compensar as súas emisións de dióxido de carbono". Contará cun investimento de 6,8 millóns de euros en tres anos. O 60 por cento do orzamento procederá de fondos europeos, "unha axuda -asegurou Vázquez- que se nos acaba de conceder".

Tras dela intervirá no pleno a conselleira do Medio Rural, que comparece tamén a petición propia para informar dos resultados do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia unha vez finalizada a tempada de alto risco do 2024.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade