Publicador de contidos
Publicador de contidos

Podemos continúa coas críticas ao Goberno pola súa implicación na OTAN

Podemos continúa coas críticas ao Goberno pola súa implicación na OTAN

A líder de Podemos e ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, non asistirá ao cumio que se celebrará en Madrid a finais de xuño

G24.gal 01/06/2022 14:47

Pasaron catro anos dende a moción de censura que levou a Pedro Sánchez á presidencia e dous e medio dende que se formou o primeiro Goberno de coalición no país. Durante este tempo, foron moitas as discrepancias entre os socios, a última, á conta da celebración dun cumio da OTAN en Madrid.

Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais e lider de Podemos, anunciou que non vai asistir a ese cumio e pregúntase se o Goberno "se vai pregar como país a esas imposicións externas que non responden aos intereses da xente do noso país". Pediu ademais, priorizar o gasto social "en vez dun aumento do gasto militar, que eu creo que non o quere a cidadanía española".

Discrepa con Belarra a voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, quen considera que o cumio da OTAN "posiciona nun lugar sen igual o noso país nesa referencia internacional". "As outras cuestións son cuestións domésticas que eu lamento e enténdoas so dende o descoñecemento das formacións políticas que se pronunciaron e incluso dende a irresponsabilidade", díxolle á prensa a portavoz do executivo.

Refírese a voceira á acusación feita polos morados de que os contratos para ese cumio foran adxudicados a dedo, unha acusación que negan non só os socialistas, senón tamén os ministros da confluencia que non son de Podemos. Para Alberto Garzón, ministro de Consumo, "son eles os que teñen que acreditar porque fixeron esa afirmación" e que el non comparte. 

Pola súa parte Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, prefire aparcar a polémica "en relación a todos os debates, que son de moito interese", e centrarse no traballo.

Para o líder da oposición, estas discrepancias amosan a debilidade do Goberno. "Entendo a intranquilidade pola división interna e a debilidade externa do meu país. Comparto a súa desazón pola súa posición ante a OTAN dunha parte do executivo español e a consecuente desconfianza dos nosos socios internacionais", dixo o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade