Podemos e Sumar chegan a un preacordo para concorrer en coalición ás eleccións de Euskadi
Podemos e Sumar chegan a un preacordo para concorrer en coalición ás eleccións de Euskadi
Miren Gorrotxategi será a lehendakaritza por Podemos Euskadi
Podemos Euskadi e Sumar Mugimendua, xunto con Ezker Anitza-EU e Equo Berdeak, chegaron a un preacordo para concorrer xuntos ás próximas eleccións vascas, despois de dous meses longos de negociacións para tentar chegar a un pacto que lles permitise ir en coalición.
Deixando atrás as dificultades das conversas entre a formación morada e a marca de Yolanda Díaz en Euskadi para alcanzar unha alianza, este sábado pola mañá presentarase en Bilbao o contido do preacordo.
A noticia deuse a coñecer este venres, no mesmo día en que Gorrotxategi foi proclamada oficialmente como aspirante á lehendakaritza de Podemos, concluíndo, así, o seu proceso de primarias.
Deste xeito, Euskadi non segue o ronsel de Galicia, onde as conversas entre Podemos e Sumar para unha posible alianza para os comicios do vindeiro 18 de febreiro remataron en fracaso. Na Comunidade Autónoma Vasca estes partidos tamén mantiveron as súas diverxencias, en especial polo liderado da candidatura.
Podemos Euskadi defendía que Miren Gorrotxategi, actual portavoz de Elkarrekin Podemos-EU, liderase a candidatura, á vez que Sumar apostaba por Alba García, que fora ata entón integrante da formación morada.
Cando xa se daba por descontado o prazo para alcanzar un acordo en plena precampaña vasca, Podemos Euskadi, Sumar Mugimendua, Ezker Anitza-EU e Equo Berdeak conseguiron chegar a un preacordo.
A enquisa de EITB Focus que deu a coñecer na mañá deste venres, reflicte que se ambas formacións fosen por separado, Podemos lograría dous escanos, fronte ao único que conseguiría Sumar Mungimendua.
A coalición Elkarrekin Podemos-EU, posúe na actualidade seis asentos na Cámara vasca. No caso de que fosen de forma conxunta obterían, segundo a sondaxe de EITB Focus, cinco representantes, co que só perderían un.
A candidata á Lehendakaritza do espazo da esquerda confederal será a única muller nesta campaña electoral. As listas dos demais partidos están encabezadas por homes: PNV por Imanol Pradales, EH Bildu por Pello Otxandiano, PSE-EE por Eneko Andueza e PP po Javier de Andrés.