Publicador de contidos
Publicador de contidos

O accidente aéreo de Corea do Sur deixa 179 vítimas mortais e dous sobreviventes

O accidente aéreo de Corea do Sur deixa 179 vítimas mortais e dous sobreviventes

O avión de Jeju Air, con 181 persoas a bordo, bateu contra un valo cando aterraba no aeroporto de Muan, no suroeste do país

As primeiras hipóteses apuntan a un problema no tren de aterraxe, que non despregou, ao parecer polo impacto cun paxaro

Trátase da traxedia aérea cun maior número de vítimas mortais ocorrida en territorio surcoreano

O avión tras o accidente no aeroporto de Muan. REUTERS/Kim Hong-Ji
G24.gal 29/12/2024 03:52 Última actualización 29/12/2024 17:09

O accidente aéreo no aeroporto internacional de Muan, en Corea do Sur, deixa un balance definitivo de 179 persoas mortas e dúas feridas graves, as únicas que sobreviviron ao impacto do aparello contra un valado.

O avión de Jeju Air tentou facer dúas veces unha aterraxe de emerxencia. Na segunda tentativa, o aparello tocou chan sen o tren de aterraxe, e os 2.800 metros da pista non foron suficientes para paralo.

Esnafrouse a gran velocidade contra o peche das instalacións e ao chocar estourou e incendiouse. A bordo ían seis membros da tripulación e 175 pasaxeiros, 173 de orixe coreana e dous de Tailandia. A maioría tiña entre 40 e 60 anos.

Os bombeiros conseguiron nun primeiro momento rescatar dúas persoas con vida, pero feridas de gravidade. Ao parecer son dous membros da tripulación, un home e unha muller, que viaxaban na cola do avión.

A primeira hora da tarde, os equipos de salvamento confirmaron a morte do resto de persoas que ían no avión, en total, 179. Moitas saíron despedidas tras a colisión.

Os bombeiros tentan sufocar as lapas. Yonhap vía REUTERS Os bombeiros tentan sufocar as lapas. Yonhap vía REUTERS

Ningún accidente previo

O avión sinistrado, un Boeing 737, pertencía a Jeju Air, unha empresa de baixo custe que ata hoxe non tivera ningún accidente mortal. O voo unía o aeroporto tailandés de Bangkok co surcoreano de Muan.

As autoridades locais din que antes do accidente, a torre de control avisoulle ao avión do impacto de paxaros contra os motores. Pouco despois, os pilotos lanzaron unha mensaxe de socorro e fixeron a aterraxe que rematou en traxedia.

Eran pouco despois das nove en Corea do Sur, a unha da mañá en Galicia, cando o avión estoupaba diante da xente que agardaba no aeroporto.

Só sobreviviron dous membros da tripulación. Yonhap vía REUTERS Só sobreviviron dous membros da tripulación. Yonhap vía REUTERS

Investigación

Polo momento as autoridades, que xa investigan o sinistro, cren que a causa do accidente podería ser o fallo para despregar o tren de aterraxe e outros mecanismos de freado, posiblemente debido a unha colisión cun paxaro.

As dúas caixas negras xa foron localizadas pero, segundo o Ministerio de Transporte surcoreano, a gravadora de datos de voo (FDR) sufriu danos, polo que descodificala levaría entre un e seis meses.

Ata o de agora, o accidente supuxo a despregadura duns 2.800 efectivos dos corpos de bombeiros, policía, Forzas Armadas e Garda Costeira.

As autoridades mobilizaron máis de 2.800 efectivos. REUTERS/Kim Hong-Ji As autoridades mobilizaron máis de 2.800 efectivos. REUTERS/Kim Hong-Ji

A peor traxedia aérea en Corea do Sur

O deste domingo é o accidente aéreo con maior número de vítimas mortais ocorrido en territorio surcoreano e o terceiro con compañías do país involucradas.

No 1983, un caza soviético derrubou un Boeing 747 de Korean Air e faleceron as 269 persoas que ían a bordo. No 1997, outro dos seus aparellos estrelouse na illa de Guam, cun saldo de 229 vítimas mortais e 25 sobreviventes.

Sete días de loito nacional

O presidente interino surcoreano, Choi Sang-mok, decretou o condado de Muan como zona especial afectada por un desastre ao visitar o lugar do accidente e anunciou sete días de loito nacional, ademais de ofrecer as súas condolencias ás familias das vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos