A gala solidaria de Ponte Caldelas recada fondos para os gastos médicos do deportista Gustavo Dacal
A gala solidaria de Ponte Caldelas recada fondos para os gastos médicos do deportista Gustavo Dacal
O popular deportista, natural da localidade, leva dous meses loitando en México contra unha enfermidade rara que lle afectou a columna e lle impide andar
Gustavo Dacal,10 veces campión de España de lanzamento de xavelina e plusmarquista nacional, non sabe se volverá andar
A gala para recadar fondos vaise celebrar no colexio Manuel Cordo Boullosa
Ponte Caldelas únese hoxe por unha causa solidaria. Colectivos veciñais e culturais organizaron unha gala para recadar fondos para axudar a Gustavo Dacal, o popular deportista natural da localidade que leva dous meses loitando en México contra unha enfermidade rara que lle afectou a columna e lle impide andar. Ao carecer de seguro médico debe custear todo o tratamento e a rehabilitación e os seus veciños non dubidaron en achegar o seu gran de area.
Gustavo Dacal, o 10 veces campión de España de lanzamento de xavelina e plusmarquista nacional, xa está na súa casa de Veracruz tras ser dado de alta e pasar por 4 cirurxías.
Non sabe se volverá camiñar. Tras contaxiarse de dengue e sufrir unha infección rara na columna, perdeu a mobilidade nas pernas, e ao carecer de seguro en México ten que custear o tratamento e a rehabilitación. Os seus veciños de Ponte Caldelas non dubidaron en poñerse en marcha e organizar unha gala solidaria para recadar fondos e axudar.
A gala celebrarase a partir das 7 da tarde no colexio Manuel Cordo Boullosa. Participan 8 agrupacións e artistas de xeito altruísta e outros moitos ofrecéronse a colaborar. As entradas custan 5 euros e hai fila cero para quen queira axudar. A resposta superou as expectativas.
Desde México, Gustavo envioulles unha mensaxe de agradecemento aos seus veciños pola iniciativa.