Pontón vaticina un "resultado histórico" do BNG, ao que erixe en "alternativa"
Pontón vaticina un "resultado histórico" do BNG, ao que erixe en "alternativa"
A dirixente nacionalista avanza un "gran salto adiante" nas municipais para lograr despois derrotar o PP na Xunta
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou este sábado que a formación obterá un resultado histórico nas eleccións de maio porque no Bloque están “nun gran momento para o BNG”.
“Estamos nun gran momento, eu diría que no mellor da súa historia e fronte a un Partido Popular que representa o pasado, o BNG representa o futuro”, esgrimiu Pontón nun encontro interparlamentario da formación.
Pontón remarcou que durante a precampaña na que percorreu numerosos municipios galegos, percibiu que a corrente de apoio ao Bloque non fai máis que crecer. “Son días de moita intensidade, traballo e ilusión, a mesma ilusión que o BNG esperta cada vez en máis galegos e galegas que ven en nós a alternativa para derrotar o PP na Xunta e construír unha Galicia forte, e ímolo facer concello a concello, vila a vila, cidade a cidade, porque hoxe o BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galicia”, celebrou.
Volveu sinalar que o BNG concorre aos comicios co “aval que supoñen os concellos gobernados polo Bloque, en base a un modelo municipal de éxito” e que se converteu nun “referente dentro e fóra de Galicia”.
“Os nosos gobernos municipais son un éxito porque teñen amor e confianza no país, a firme convicción de que se pode vivir mellor en todos e cada un dos concellos e transforman en positivo superando todas as barreiras e todos os obstáculos, sobre todo a barreira do pesimismo, a barreira do marco mental da resignación que predican esas forzas estatais que non confían en Galicia e que sempre miran para Madrid”, subliñou a dirixente do Bloque.
A este respecto, Pontón reprochou que os líderes do PP e o PSOE cheguen a Galicia “de xira electoral, a facer mitins, que é basicamente cando se acordan deste país” mentres son “os mesmos que queren converter Galicia nunha colonia enerxética de Madrid”.