Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portugal elimina as peaxes nas autovías, incluídas as que conectan con Galicia

Portugal elimina as peaxes nas autovías, incluídas as que conectan con Galicia

Desde o un de xaneiro xa non haberá que pagar os actuais dous euros e 40 céntimos por ir de Galicia ao Porto en coche

Antón Montero 02/05/2024 18:55 Última actualización 02/05/2024 20:27

Cando se crearon, chamáronlles SCUT, as siglas de Sen Custo para o Utilizador.

Eran autovías libres de peaxe como a A-28, que une Camiña co Porto por Viana do Castelo.

Os galegos atoparon nela unha alternativa de balde á autoestrada que vertebra o norte do país.

Pero as cousas mudaron en 2011: en pleno rescate financeiro, Europa impón o cobro dunha peaxe tamén nestas vías.

13 anos despois, a situación volve ao punto inicial.

A proposición presentouna o Partido Socialista. Apoiárona o resto de grupos da esquerda e, a última hora, tamén os 50 deputados do ultradereitista Chega.

A medida suporá o retorno da gratuidade a media ducia de autovías portuguesas, entre elas a A-24 (que conecta Viseu con Chaves e Verín) e a A-28.

Desde o un de xaneiro, xa non haberá que pagar os actuais dous euros e 40 céntimos por ir de Galicia ao Porto en coche.

Para os transportistas, o aforro será aínda maior: a peaxe para os vehículos de maior tonelaxe é hoxe de algo máis de 6 euros.

Rematan tamén as multas coas que teñen que lidar os condutores inadvertidos que cruzan baixo os arcos de cobro automático.

O Goberno portugués do Partido Socialdemócrata encaixa a súa primeira gran derrota a dous meses da chegada ao poder cunha medida que deixará o Estado sen 157 millóns de euros anuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade