Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portugal presenta o trazado de alta velocidade Lisboa-O Porto-Vigo

Portugal presenta o trazado de alta velocidade Lisboa-O Porto-Vigo

As obras para conectar O Porto con Vigo nunha hora e 25 minutos arrancarán en 2026

O xefe do executivo luso defende un eixe vertebrador na fachada atlántica fronte a conexión con Madrid: "Desenvolve o noso país e a centralidade das nosas cidades, e non a centralidade doutras cidades ibéricas"

O Goberno galego pediralle ao central no cumio hispano-alemán da semana que vén que aposte polo trazado da alta velocidade na parte que lle corresponde

G24.gal 28/09/2022 14:06 Última actualización 28/09/2022 19:39

O primeiro ministro portugués anunciou este mércores que o Goberno vai presentar o trazado e desenvolvemento da liña ferroviaria de alta velocidade Lisboa, O Porto e Vigo, representando o primeiro paso para a inserción na rede ibérica.

António Costa falaba na sesión de apertura do VI Cumio do Turismo Portugués, na Fundación Champalimaud, despois dunha intervención do alcalde de Lisboa, Carlos Moedas, en defensa da aposta estratéxica no ferrocarril.

“O Goberno vai presentar na cidade do Porto o trazado e o desenvolvemento da liña de alta velocidade entre Lisboa, O Porto e Vigo. Será o primeiro eixe estruturador da nosa inserción na rede ibérica de alta velocidade”, declarou o primeiro ministro.

A liña vai enlazar Lisboa e O Porto en 1:15 horas sen paradas, cando nestes momentos o percorrido en tren de 275 quilómetros entre ambas as cidades demora máis de catro horas. Ademais estará integrada co resto da rede ferroviaria nacional.

A construción desa liña entre as dúas urbes portuguesas divídese en tres fases. A primeira, que parte do Porto, non estará concluída ata 2028. Dous anos despois espérase o final da segunda e a terceira, que enlazará con Lisboa, será construída "máis tarde", segundo o titular da empresa pública Comboios de Portugal, Carlos Fernandes.

O plan inclúe tamén un nexo entre O Porto e Vigo como un "primeiro paso" para a integración ferroviaria portuguesa na rede ibérica de alta velocidade.

Prioridade do Eixo Atlántico fronte a conexión con Madrid

Con este anuncio, Portugal ratifica a súa aposta pola alta velocidade na súa costa atlántica fronte á ligazón entre as capitais ibéricas, Madrid e Lisboa.

O proxecto "desenvolve o noso país e a centralidade das nosas cidades, e non a centralidade doutras cidades ibéricas", agregou Costa.

O financiamento do plan inclúese nos 11.000 millóns de euros destinados a investimentos en ferrocarril dun paquete global de 43.000 millóns para transportes ata 2030, explicou Miguel Cruz, presidente de Infraestruturas de Portugal.

O xefe do executivo luso dixo que o país ten condicións financeiras para realizalo "sen sobresaltos" e garante que o proxecto ferroviario vai unir o país e facelo máis forte e competitivo, para asumir a competitividade externa e a posición de Portugal como integrante entre o continente europeo e o Atlántico.

Será unha "revolución", resumiu o ministro de Infraestruturas, Pedro Nuno Santos, durante a presentación.

Segundo o primeiro ministro, “para que haxa turismo sostible en Portugal, o país necesita de boas infraestruturas, en particular a nivel dos transportes”.

“Foi moi importante que a Asemblea da República aprobara cunha gran maioría o Plan Nacional de Infraestruturas, o que nos permite pasar un dos grandes bloqueos históricos do país, que é a conexión de alta velocidade entre Lisboa e O Porto”, engadiu.

O Goberno galego pediralle ao central no cumio hispano-alemán da semana que vén que aposte polo trazado da alta velocidade na parte que lle corresponde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade