Portugal rebaixa o IVE da luz, limita os alugueiros e apoia as familias ante a inflación
Portugal rebaixa o IVE da luz, limita os alugueiros e apoia as familias ante a inflación
Tamén conxelará o prezo dos bonos de transporte e permitirá o regreso ao mercado regulado, o que suporía un aforro do 10 % para as familias
Portugal rebaixará un tramo do IVE da electricidade do 13 % ao 6 %, limitará as subidas dos alugueiros ao 2 % para 2023 e apoiará ás familias con 50 euros por fillo, 125 euros por traballador con ingresos de ata 2.700 euros mensuais e aumentos extraordinarios das pensións.
Son os principais puntos do plan de choque de 2.400 millóns de euros aprobado este luns en consello de ministros para combater o "brutal aumento da inflación", explicou o primeiro ministro luso, o socialista António Costa, durante a presentación das novas medidas.
"Combater a inflación é unha loita moi difícil, son necesarias medidas para protexer o poder de compra das familias a curto prazo, pero obriga tamén a moita prudencia para non alimentar a espiral inflacionista", defendeu Costa.
O Goberno propoñerá ao Parlamento, onde os socialistas teñen maioría absoluta, unha redución da taxa de IVE da electricidade do 13 % ao 6 %, con tramitación urxente para que poida estar en vigor o 1 de outubro.
Actualmente, Portugal taxa o IVE en función do consumo para os contratos de baixa tensión, cun 13 % para os primeiros 100 quilowatts hora mensuais e un 23 % para o resto.
O primeiro ministro explicou que a taxa do 13 % pasará ao 6 %, pero os consumos por encima dos 100 quilowatts manteranse no 23 %.
Apoio para familias
O Executivo tamén aprobou un pago extraordinario de 125 euros a cada cidadán non pensionista con ingresos de ata 2.700 euros mensuais e outros 50 euros por cada menor ou mozo de ata 24 anos a cargo, neste caso independentemente do nivel de renda de cada familia.
Para os pensionistas haberá un suplemento de medio mes de pensión, pagado en outubro, e aumentos extraordinarios para 2023 que varían entre o 3,53 % e o 4,43 %, en función do valor da prestación.
Con estas medidas, "os pensionistas verán integramente reposto o poder de compra perdido este ano", asegurou o xefe do Goberno luso.
Para 2023, limitarase a un máximo do 2 % o aumento dos alugueiros de vivendas e locais comerciais, que será compensado con melloras fiscais para os propietarios.
Tamén se conxelará o prezo dos bonos transporte e os billetes de tren durante o próximo ano.
Costa lembrou que o Executivo xa anunciara que permitiría aos consumidores do gas regresar ao mercado regulado, o que supón un aforro medio do 10 % na factura para unha familia con dous fillos, estimou.
Ademais, ampliáronse ata fin de ano medidas que xa estaban en vigor para os prezos dos combustibles: a suspensión do aumento da taxa de carbono, a devolución da recadación adicional do IVE e a redución do imposto sobre os produtos petroleiros.
Estas medidas supoñen un aforro de 16 euros para un depósito de 50 litros de gasolina e de 14 para un de diésel, sinalou.
Máis de 4.000 millóns en 2022
Este paquete de medidas únese aos 1.682 millóns de euros destinados ata setembro para combater a inflación, o que eleva a conta total ata final de ano a máis de 4.000 millóns.
O Goberno luso aínda ten pendente presentar medidas de apoio ás empresas, que se decidirán despois da reunión dos ministros de Enerxía da Unión Europea prevista para este venres.
As medidas anuncias hoxe pretenden axudar ás familias, "sen aumentar a espiral inflacionista", matizou Costa, que afirmou: "Imos cumprir os obxectivos fixados de redución de déficit e débeda publica".
A inflación situouse no 9 % en agosto en Portugal, os niveis máis altos dos últimos 30 anos.