Preocupación en Portosín pola mortaldade de gaivotas
Preocupación en Portosín pola mortaldade de gaivotas
Desde hai semanas aparecen gaivotas mortas tamén na ría de Arousa e nótase que hai menos exemplares en todas as Rías Baixas
Hai varias semanas apareceron cantidade de gaivotas mortas en praias e peiraos da ría de Arousa e seica se ven cada vez menos aves deste tipo en todas as Rías Baixas.
Desde hai días sucede o mesmo en Portosín. E a xente está tan preocupada que ata o patrón maior alertou a Garda Civil.
"Non morren as gaivotas maiores, que é o raro, están morrendo as novas, as deste ano. Vou facer 70 anos e nunca se viu isto por aquí. Era ben que se dese información porque pode traer moitos problemas nos portos, tocan os peixes, a xente vén pasear cos cans", asegura o armador Gonzalo Pérez Fernández.
"Leváronas a analizar os de Medio Ambiente. Agora vense bastantes menos, pero mortas hai moitas, vense por todas partes", di un veciño.
"Están aparecendo polo río, pola costa. É pola gripe aviar, polo que escoitei, estase transmitindo a enfermidade", comenta outro.
Polo momento, non hai confirmación oficial do que pode estar causando tal mortaldade.