Preocupación no sector eólico galego polos bloqueos á tramitación de proxectos
Preocupación no sector eólico galego polos bloqueos á tramitación de proxectos
Calcula que Galicia necesitará incrementar a produción de enerxía eólica en 8 terawatts
Os empresarios denuncian que o sector está de novo paralizado, e amosan a súa inquedanza polo freo xurídico a parques eólicos
O sector galego da eólica fai balance e pon o foco na trintena de proxectos industriais relevantes que hai en Galicia, cun investimento de máis de seis mil millóns de euros e a creación de 7.000 empregos directos. Barallan que demandarán 8 teravatios ao ano de enerxía renovable e advirten de que, para darlles resposta fan falta novas instalacións.
Manuel Pazo, presidente Asociación Eólica de Galicia: "Evidentemente todas estas empresas están pendentes de asinar un contrato a prezo competitivo para instalarse".
Galicia ten 183 parques eólicos cunha potencia instalada de preto de 4.000 megawatts. Din que precisaría outros catros mil. Hai preto de 3.400 megawatts autorizados pola Xunta e o Estado pendentes de posta en marcha.
Pide seguridade xurídica para poder avanzar. "Que se resolva o tema xurídico de cando se poden instalar estes tres mil megawatts que están nestes momentos autorizados", explica Manuel Pazo.
Agardan que antes de que finalice o ano o Supremo se pronuncie sobre as alegacións de distintos grupos que paralizan proxectos de parques en Galicia. O primeiro ditame será o de Corme.
Tamén confían na implementación da normativa europea, que considera os proxectos de renovables de interese público superior.
No seu balance, o sector destaca que achega un 1,6 por cento ao produto interior bruto de Galicia, tributa máis de cen millóns e dá emprego a preto de 6.000 persoas.