Primeira fin de semana de xullo cunha ocupación inferior ao agardado
Primeira fin de semana de xullo cunha ocupación inferior ao agardado
En varias zonas de Galicia sitúase entre o 65 % e o 70 %
O sector amósase optimista e agarda chegar aos niveis anteriores á pandemia
Moitos turistas chegaron xa ao seu destino e gozan das súas vacacións aquí en Galicia. Pese a que os datos de ocupación nesta primeira fin de semana de xullo non son os esperados, entre o 65 % e o 70%, o sector da hostalería amósase optimista.
Inauguramos a primeira fin de semana de xullo. Para moitas persoas, é o inicio das súas agardadas vacacións. Moitos elixen as Rías Baixas para pasar uns días de descanso. Aínda así, o sector fala de cifras por debaixo do agardado neste inicio do verán.
"Esperabamos unhas maiores cifras de ocupación, estamos en Galicia arredor do 55-65% de ocupación. Quedan moitísimas camas dispoñibles de momento", asegura Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.
Para os hostaleiros da provincia de Pontevedra este tímido comezo é algo habitual e probablemente irá aumentando a ocupación nas vindeiras semanas. Con todo, hai hoteis onde as previsións xa son moi boas.
"Para nós a ocupación estase recuperando xa en números do ano 2019 ou 2018", di Óscar Fontán, director do Gran Talaso de Sanxenxo.
Nas Rías Altas esperan que a ocupación hoteleira tamén comece a medrar a partir desta fin de semana. Os niveis de ocupación de aquí en diante dependerán tamén dun factor chave: a previsión do tempo.
Con todo, o sector hostaleiro é optimista en chegar a recuperar este verán os niveis de turismo de antes da pandemia.