O presunto autor do crime de Baiona, en prisión co protocolo de prevención de suicidio
O presunto autor do crime de Baiona, en prisión co protocolo de prevención de suicidio
Os especialistas conclúen que non ten ningunha patoloxía que lle impedira declarar
Primeira noite no cárcere do acusado de matar a súa exmuller en Baiona. Tras descartar os psiquiatras que estivese catatónico e malia gardar silencio na súa comparecencia ante a xuíza, esta decretou o seu ingreso na prisión da Lama. Os forense aconsellaron aplicar o protocolo de prevención do suicidio e que ingresara na enfermería.
Ángel Rodríguez da Costa foi trasladado este xoves ao cárcere da Lama sen pronunciar unha soa palabra sobre o crime da súa exmuller do que o acusan. Desde que foi detido o luns mantivo o mutismo. Ante a sospeita de que estivese catatónico, o mércores pola tarde a xuíza ordenou o seu traslado ao hospital para realizarlle unha avaliación psiquiátrica. Os especialistas conclúen que estaba apto e que non tiña ningunha patoloxía que lle impedira declarar.
Pola mañá levárono de novo ante a titular do Xulgado de Violencia sobre a muller de Vigo para tomarlle declaración. Mantivo silencio absoluto, pero non foi impedimento para que a xuíza decretara o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza. Ademais prohibiulle comunicarse e achegarse aos seus fillos de 7 e 9 anos, que presenciaron como matou presuntamente á nai o domingo á tarde.
O suceso aconteceu no barrio da Percibilleira, en Baiona, onde o investigado ía deixar os nenos coa nai tras pasar a fin de semana con eles cando cometeu o crime. Asestoulle un golpe mortal na cabeza e provocoulle cortes por todo o corpo, e despois de deixar os nenos cos avós paternos fuxiu. O luns pola mañá entregouse na comisaría da Policía Nacional en Ourense.
Non tiña denuncias previas por maltrato. A vítima e o seu presunto asasino tiveran recentemente un xuízo pola custodia e a patria potestade dos nenos.