Profesionais de pediatría piden non baixar a garda contra a obesidade infantil durante as vacacións
Profesionais de pediatría piden non baixar a garda contra a obesidade infantil durante as vacacións
Un de cada catro nenos está diagnosticado de sobrepeso ou obesidade infantil
A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria fai un chamamento a familias e administracións para non descoidaren este problema de saúde pública nas vacacións
Cada vez máis presente nas consultas, a obesidade e o sobrepeso infantil preocupan aos profesionais de pediatría.
"Un de cada catro nenos está diagnosticado de sobrepeso ou obesidade e a verdade é que nas consultas estamos a ver, sobre todo despois da pandemia, un aumento de casos de sobrepeso en nenos e familias", asegura Olalla Otero, coordinadora de Pediatría do Hospital HM Modelo da Coruña.
O sedentarismo e os hábitos alimentarios pouco saudables continúan a ser as principais causas do exceso de peso en menores. Apunta Olalla Otero que os casos rexistrados se deben sobre todo a "malos hábitos na alimentación e moitas veces moitos pais que traballan moito, nenos que están moito tempos sós na casa con pantallas con videconsolas e pouca actividade física".
Para combater o sobrepeso en nenos, nenas e adolescentes, os especialistas aconsellan reforzar as condutas saudables tamén durante o verán.
"No verán sempre nos relaxamos moito máis, estamos como con máis permiso para comer xeados, comer fóra, tomar refrescos e demais. E debería ser ao contrario, porque temos máis tempo para estar na rúa e facer actividades de tempo libre, bicicleta, campamentos de verán, actividade na auga, que se poden aproveitar precisamente para estimular o exercicio e tamén a actividade física. E tamén se os pais están de vacacións, aproveitar tamén para planificar mellor os menús e facer comidas máis saudables", recomenda a coordinadora de Pediatría do Hospital HM Modelo da Coruña.
A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria fai un chamamento a familias e administracións para non descoidaren este problema de saúde pública en época de vacacións.